spot_img
InicioVal MiñorNigránA exposición 'Rompe, xoga en igualdade' xa está en Nigrán para...

A exposición ‘Rompe, xoga en igualdade’ xa está en Nigrán para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A exposición ‘Rompe, xoga en igualdade’ xa está en Nigrán para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista. A mostra, que foi inaugurada pola deputada de Igualdade Isaura Abelairas, poderá visitarse no salón de plenos do concello ata o vindeiro 21 de setembro

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Nigrán e deputado provincial, Juan González, inauguraron este mediodía, no salón de plenos do concello, a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”, que poderá visitarse ata o vindeiro día 21 de setembro. A mostra está protagonizada polas bonecas “Barbie”, que foron intervidas para amosar situacións de desigualdade, discriminación e violencia que aínda hoxe, en pleno século XXI, seguen a sufrir as mulleres dende nenas. No acto tamén participaron as artistas creadoras da exposición, Isabel Blanco e Irene Silva.

Abelairas lembrou que hoxe en día é necesario “reivindicar que as mulleres non somos cidadás de segunda, cada vez temos que loitar máis polos nosos dereitos, porque somos  a metade da poboación e temos dereito absolutamente a todo igual que os homes”. Tamén fixo especial fincapé en que  “non todo en materia de igualdade está conseguido. Todo o contrario. Hoxe en día parece que estamos retrocedendo”.

“Rompe. Xoga en Igualdade” chega a Nigrán, tal e como explicou a deputada Abelairas, para “chamar a atención e amosar que estas bonecas irreais son mentira totalmente, non existen na realidade” e que ademais, son bonecas intervidas para “amosar as situacións de desigualdade que vivimos aínda hoxe, son imaxes coas que queremos romper e concienciar”. A deputada sinalou que esta iniciativa é unha máis das postas en marcha dende a área de Igualdade, creada polo goberno de Carmela Silva en 2015, “porque ao chegar á Deputación démonos conta de que era un departamento absolutamente necesario na actualidade, xa que as políticas de igualdade deben terse en conta en todos os ámbitos de actuación das administracións”.

Esta innovadora exposición consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas ”Barbies intervidas” que amosan situacións cotiás de desigualdade. As artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, explicaron que a boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas e nenos en todo o mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas e presenta a unha muller obxecto. Deste xeito, interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e poético, e por iso, diante de cada peza hai un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

“Rompe. Xoga en Igualade” poderá visitarse no salón de plenos do concello de Nigrán ata o21 de setembro. Estará aberta ao público de luns a venres en horario de 9.00 a 13.30 horas.

- Publicidade -spot_img