spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Pairo VIII novo campión de España de altura no Conde de...

O Pairo VIII novo campión de España de altura no Conde de Gondomar

O Pairo VIII novo campión de España de altura no Conde de GondomarO Pairo VIII do Real Club Náutico de Vigo coroouse novo campión de España de Altura da zona Galicia no Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra estes días nas rías galegas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Banco Sabadell.

O veleiro, armado por José Luis Freire, capitaneado por Luís Bugallo e coa ex Copa América Laureano Wizner como táctico, fíxose co título tras completar a etapa do Carrumeiro Mozo, de case 100 millas de ida e volta entre Baiona e a ría de Corcubión, en 15 horas e 47 minutos.

Os vigueses conseguiron o título a pesar de non ser os máis rápidos en finalizar a proba, xa que o Yess de Rui Ramada, do Monte Real Club de Yates, foi o primeiro en cruzar a liña de chegada. Fíxoo 20 minutos antes que o Pairo e 10 minutos antes que o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canal, que tras a compensación de tempos colocouse na cabeza da clase Storax ORC 1-2 e no máis alto da clasificación xeral do trofeo.

Na clase ORC 1-2, detrás o Aceites Abril e o Pairo VIII, ambos os do Real Club Náutico de Vigo, colocouse o Siradella do Real Club Náutico de Portosín, patroneado por Francisco Gude; e na clase PSA Retail ORC 3, ocupan os postos do podio provisional o Oral Group Galimplant de Pedro Pazos (Real Club Náutico de Sanxenxo), o Gorilón de Emigdio Bedia (Real Club Marítimo de Santander) e o Marara 4 de Javier Montenegro (Club Marítimo Rías Baixas).

Tras chegar a Baiona de madrugada e descansar durante a xornada dominical, os grandes barcos volverán á auga o vindeiro mércores para disputarse as dúas últimas probas do Conde de Gondomar no fondeadero de Cíes, dous bastóns barlovento sotavento nos que tamén participarán os veleiros a clase ORC 4 e os monotipos J80 e Fígaro.

Estes últimos saíron hoxe á auga para completar a súa segunda proba do campionato, unha costeira de 24 millas que os levou desde o interior da baía de Baiona ata a baliza de Subrido, nas proximidades de Cabo Home, onde viraron para volver de novo a Baiona pasando por Bondaña, na zona de Toralla. A proba desenvolveuse cun vento noroeste de entre 8 e 10 nós que parecía que non ía dar problemas á frota, pero xusto ao final, cando os veleiros estaban xa próximos á chegada, os que navegaban na cabeza da frota caeron nun pozo que os estancó e permitiulle aos que viñan detrás alcanzalos e mesmo superalos.

Un dos barcos que máis sufriu os caprichos do vento foi o Unus de Luís García Trigo, que tras asinar unha espectacular regata levando a toda a frota á súa popa, viuse relegado á última posición da táboa da clase Coca Cola ORC 4. Nesta mesma categoría, o Balea Dous de Rodeira, con Luís Pérez á fronte, logrou subir da terceira á primeira posición, facendo caer ao Fend a Bise de Jean Claude Sarrade (Monte Real Club de Yates) e La Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico Castrelo de Miño) ao segundo e terceiro posto respectivamente.

Na clase Martin Miller J80, o Okofen do Monte Real Club de Yates, que onte recuperou a Javier Gándara de patrón, afianzou a súa escalada cara ao podio tras encadear unha nova vitoria. Destacada tamén foi a actuación do Cunichán de Javier Martínez, que viña sétimo de primeira xornada e, tras unha gran regata, meteuse no peto a prata provisional. O terceiro posto ocúpao o Virazón de Miguel Lago.

Na batalla que libran os Fígaros na clase Rías Baixas, volveu destacar o Erizana de Santiago Meygide, que encadea dous primeiros postos nas dúas probas celebradas ata o momento. En segunda e terceira posición van o Silleiro de Gonzalo Baamonde e o Bouvento de Adrián Irago.

O Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell despedirase o seu cuadraxésimo terceira edición o vindeiro mércores 25 de xullo, festivo de Santiago Apóstolo, a partir do mediodía no fondeadero das Illas Cíes, cun menú final composto por dúas mangas para todas as clases.

 

43º CONDE DE GONDOMAR · TROFEO BANCO SABADELL

 

Resultados trala segunda xornada · Sábado 22 de xullo de 2018

CLASE STORAX ORC 1-2

  1. ACEITES ABRIL · LUIS Y JORGE PÉREZ CANAL · REAL CLUB NÁUTICO VIGO
  2. PAIRO VIII · LUIS BUGALLO · REAL CLUB NÁUTICO VIGO
  3. SIRADELLA · FRANCISCO GUDE · REAL CLUB NÁUTICO PORTOSÍN

 

CLASE PSA RETAIL 3

 

  1. ORAL GROUP GALIMPLANT · PEDRO PAZOS · REAL CLUB NÁUTICO SANXENXO
  2. GORILÓN · EMIGDIO BEDIA · REAL CLUB MARÍTIMO SANTANDER
  3. MARARA 4 · JAVIER MONTENEGRO · CLUB MARÍTIMO RÍAS BAIXAS

 

CLASE COCA COLA ORC 4

 

  1. BALEA DOUS · LUIS PÉREZ · REAL CLUB NÁUTICO DE RODEIRA
  2. FEND LA BISE · JEAN CLAUDE SARRADE · MONTE REAL CLUB DE YATES
  3. LA BURLA NEGRA · JUAN JOSÉ MARTÍNEZ · CN CASTRELO DE MIÑO

 

CLASE MARTIN MILLER J80

 

  1. OKOFEN · JAVIER DE LA GÁNDARA · MONTE REAL CLUB DE YATES
  2. CUNICHÁN · JAVIER MARTÍNEZ · MONTE REAL CLUB DE YATES
  3. VIRAZÓN · MIGUEL LAGO · MONTE REAL CLUB DE YATES

 

CLASE RÍAS BAIXAS FÍGARO

 

  1. ERIZANA · SANTIAGO MEYGIDE · MONTE REAL CLUB DE YATES
  2. SILLEIRO · GONZALO BAHAMONDE · MONTE REAL CLUB DE YATES
  3. BOUVENTO · ADRIAN IRAGO · MONTE REAL CLUB DE YATES

 

 

- Publicidade -spot_img