spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Okofen conquista a liga de Outono AXA J80

O Okofen conquista a liga de Outono AXA J80

O Okofen conquista a liga de Outono AXA J80O Okofen de Javier de la Gándara conquistou este sábado a vitoria da liga de Outono AXA J80 tras vencer na última xornada de probas celebrada esta tarde na baía de Baiona. O equipo liderado polo experimentado patrón vigués sentenciou a competición tras sumar outro primeiro posto aos que lograra en xornadas anteriores.

Con cinco primeiros postos, un segundo e un terceiro nas sete probas disputadas desde o pasado mes de outubro, De la Gándara e os seus volveron demostrar por que se atopan entre os mellores da clase J80 galega.

Sentenciaron o campionato con 7 puntos, sacándolle oito de vantaxe ao seu rival máis directo, o Marías – Casas do Telhado do portugués Manuel María Cunha que, a pesar de completar moi boas regatas durante todo o campionato, non foi capaz de superar na clasificación ao Okofen en ningún momento. A bordo do monotipo vencedor volvemos ver a un equipo compenetrado que rende ao máximo independentemente das condicións meteorolóxicas, que nalgunhas xornadas, como a de hoxe, complicaron bastante a navegación da frota cun mar revolto e ventos por encima dos 30 nós por momentos.

Nesta nova edición da liga de Outono AXA J80 De la Gándara volveu contar coa súa man dereita a bordo Diego Fernández; co seu fillo Jaime de la Gándara e con Hugo Ferreiro, habituais do Okofen desde os seus inicios nas competicións de J80. Santi Meygide, Javier Porto e Jaime García foron outros dos tripulantes que se sumaron nalgunhas xornadas, para completar equipo ou substituír a algún dos habituais.

Coa súa vitoria no campionato otoñal, o Okofen clausurou unha gran tempada regatera na que tamén logrou os bronces do Trofeo Infinitus Rent e o Campionato de España de J80, a prata do Trofeo Príncipe de Asturias e o ouro do Trofeo Conde de Gondomar.

O podio de honra da liga de Outono AXA J80 completárono, con 15 puntos, o Marías – Casas do Telhado liderado por Manuel María Cunha e o Luna Nueva de Juan Luís Tuero, que quedou terceiro con 18 puntos.

Xa fóra dos caixóns do podio, situáronse o Pazo de Cea de Iago Alonso, en cuarta posición; e o Namasté de Luís de Mira, en quinta. O resto da clasificación complétana o Mondo de Bernardo Macedo, o Pousado de Fernando Yañez, o Cunichán de Javier Martínez Valente e o Corvo mariño II de Yago G. Robatto.

Tras a celebración en Baiona da última proba, os participantes e membros do comité de regata participaron nunha cea de confraternización presidida por directivos do Monte Real Club de Yates, como club organizador; e de AXA Seguros, como patrocinador da competición. Nela gardouse un minuto de silencio en homenaxe á socia e regatista do Monte Real, Berta Hernández Alfageme, falecida esta semana tras unha dura loita contra o cancro.

Ao finalizar, os regatistas foron convocados para a próxima cita da frota de J80, a liga de Inverno, que se celebrará en Baiona entre xaneiro e marzo de 2019.

 

CLASIFICACIÓN FINAL (Top5) LIGA DE OUTONO AXA J80

 

1.      OKOFEN · Javier de la Gándara · 7 puntos

2.      MARÍAS – CASAS DO TELHADO · Manuel María Cunha · 15 puntos

3.      LUNA NUEVA · Juan Luis Tuero · 18 puntos

4.      PAZO DE CEA · Iago Alonso · 28 puntos

5.      NAMASTÉ · Luis de Mira · 31 puntos

 

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.