spot_img
InicioCondado ParadantaAs NevesO obradoiro "Coidar de Nós IV" activa a formación de 20 persoas...

O obradoiro “Coidar de Nós IV” activa a formación de 20 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves

O obradoiro Coidar de Nós IV activa a formación de 20 persoas desempregadas de Ponteareas e As NevesA Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas dos municipios de Ponteareas e As Neves coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Coidar de Nós IV, que conta cun investimento de 347.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e do rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa laboral no Centro de Desenvolvemento Local, emprazado na parroquia de Ribadetea.

“O emprego, xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que mellora moito a empregabilidae e favorece a inserción laboral dos participantes na bisbarra do Condado”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a provincia de Pontevedra está arrancando nestas semanas unha vintena de obradoiros, que formarán a 400 persoas cun investimento de 6,6 millóns de euros.

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán estes nove meses ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca do Condado, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma coa constante concesión de obradoiros e doutras iniciativas, como os 23 cursos AFD de formación para desempregados que estamos a despregar no sur da provincia”.

O obradoiro de emprego Coidar de Nós IV, compartido por Ponteareas e As Neves, contará cos módulos de Atención Sociosanitaria, que centrará as súas prácticas no coidado de persoas dependentes en domicilio, e o de Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que actuará no parque da Picaraña de Ponteareas e na Chan de Vide, pertencente ás Neves. A formación prolongarase durante nove meses e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con obras públicas e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

- Publicidade -spot_img