Inicio Vigo e área Vigo O Nadal Solidario abre as portas no Tinglado do Porto de Vigo

O Nadal Solidario abre as portas no Tinglado do Porto de Vigo

O Nadal Solidario abre as portas no Tinglado do Porto de VigoO proxecto, ideado pola Delegación Territorial da Xunta en Vigo, ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o do Medio Rural, José González, de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, inauguraron hoxe o Nadal Solidario que ocupará o Tinglado do Porto de Vigo, con actividades na Praza da Estrella, ata o vindeiro 4 de xaneiro.

Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca, tal e como indicou Corina Porro, “canalizar a expresión solidaria dos cidadáns nestas datas”. Así, o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

As encargadas de estrear o escenario deste Nadal Solidario foron as rondallas de Valladares, Bembrive e Beade, que deron paso ao acto oficial de inauguración a cargo do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o do Medio Rural, José González, de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, que coincidiron en destacar que “a solidariedade é un sentimento e unha actitude que persegue intereses comúns. “Un camiño no que poden confluír diferentes camiñantes, igual que ocorre cos peregrinos do noso Camiño de Santiago”, en palabras do conselleiro, para quen este Nadal Solidario “demostra que Vigo non só é unha referencia económica, cultural e social, senón tamén un exemplo de solidariedade e de xenerosidade”.

O acto, no que participaron Igualarte, o coro de Mayeusis e a Coral Polifónica Allegro, contou coa presenza doutros membros do Goberno galego como a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, así como de representantes das entidades colaboradoras, das ONGs participantes e da sociedade civil.

Corina Porro avanzou que este martes o Tinglado contará cunha programación completa xa a partir das 12.00 horas da mañá, cando se espera a presenza dos nenos e nenas do CEIP García Barbón, que participaran nos talleres infantís e familiares a cargo de Miudanza. Ás 12.30 horas, na caseta da Fundación Celta de Vigo, os xogadores de primeira división do club vigués Pione Sisto e Rafinha Alcántara firmaran autógrafos, e xa ás 19.00 horas será a quenda das actuacións cun concerto de ukeleles.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de Santiago

Un dos aspectos máis atrainte no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.

Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poaboado de Nadal, Reis Magos e carrusel

Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de foodtruck, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana haberá concertos de grupos vigueses.

Tamén está prevista a visita de varios conselleiros que manterán encontros con membros de organizacións e colectivos das súas áreas correspondentes en Vigo. Cómpre lembrar que neste proxecto involucráronse varias consellerías da Xunta e a colaboración do Porto de Vigo.

Outras actividades

Lonxe das actividades propias no Tinglado e Praza da Estrela, incorpóranse a este Nadal solidario e comprometido a Federación de Asociacións de Veciños, celebrando un día completo de actuacións de relacionadas con estas datas que será patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies