Inicio Galicia A Xunta remite ao Comité Español da Unesco a candidatura da Ribeira...

A Xunta remite ao Comité Español da Unesco a candidatura da Ribeira Sacra para converterse na sétima reserva da biosfera

A Xunta remite ao Comité Español da Unesco a candidatura da Ribeira Sacra para converterse na sétima reserva da biosferaUn Consello Científico será o encargado agora de avaliar o documento técnico no que se recollen os méritos e requisitos que reúne este espazo natural para obter a declaración, antes de sometelo de novo á deliberación dos membros do MAB

A candidatura coa que a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia xa está presentada oficialmente. Hoxe mesmo o documento técnico elaborado pola Xunta foi remitido á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será o encargado agora de continuar coa súa tramitación.

A Xunta cumpre así co calendario previsto, ao remitir a candidatura antes de final de ano ante o órgano consultivo responsable de avaliar todas as propostas españolas que aspiran a ser declaradas reservas da biosfera. Hai dúas semanas o documento técnico da Ribeira Sacra superou o último trámite administrativo que lle quedaba na comunidade ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. E unha vez remitido pola Consellería de Medio Ambiente a Madrid, será agora o Comité Español do Programa MAB o encargado de continuar coa tramitación interna da candidatura.

Así, a memoria técnica elaborada pola Xunta deberá superar a continuación o informe do Consello Científico, órgano asesor do Comité e que fai unha labor de seguimento, avaliación e apoio técnico ás reservas da biosfera, ademais de ser o encargado de recomendar ou non a aprobación das novas propostas. Unha vez superado este trámite, a candidatura da Ribeira Sacra deberá someterse á deliberación dos membros do Comité Español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo.

Este sería o último paso antes de que o expediente pase a mans da Unesco para a decisión definitiva. Precisamente, no recente Cumio Mundial do Clima celebrado en Madrid a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tivo ocasión de informar a Miguel M. Clusener- Godt -secretario do Programa MAB da Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración- dos últimos avances na candidatura da Ribeira Sacra, ao tempo que o convidou a visitar Galicia e coñecer a zona persoalmente.

Cómpre lembrar que a memoria técnica remitida hoxe a Madrid é froito dun longo e minucioso traballo liderado pola Xunta pero no que participaron numerosas persoas, colectivos e institucións interesadas en acadar o desenvolvemento sostible dun territorio que alberga un patrimonio natural e cultural tan valioso. Concretamente, concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos tiveron ocasión desde o principio de participar activamente e facer as súas contribucións á proposta durante os dous anos que durou a súa tramitación.
Trátase, polo tanto, dun documento serio e rigoroso, que vén avalado por un gran consenso previo, como demostran os escritos emitidos por 41 entidades públicas para amosar o seu apoio formal á candidatura ou o feito de que no período de participación pública tan só se recibiran nove alegacións.

Ademais, co fin de concretar as actuacións a desenvolver nesta zona cando obteña a declaración de reserva da biosfera –previsiblemente e se se compren os prazos previstos, no ano 2021-, a candidatura incorpora o seu propio Plan de Xestión, cun investimento estimado en 10 anos de 4,5 millóns de euros; e se enmarca á vez dentro do chamado Plan de Acción Estratéxico de Ribeira Sacra, que foi informado favorablemente polo Consello da Xunta hai case tres meses, contempla un paquete de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico e conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros.

O espazo conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aglutina a un total de 23 concellos -18 da provincia de Lugo e outros cinco de Ourense- cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais. Trátase dun territorio, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, de excepcional valor e riqueza polos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

De feito, a zona proposta como futura reserva da biosfera abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.

Neste sentido, se a candidatura supera todos os requisitos esixidos pola Unesco, este territorio estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional. Cómpre lembrar que o pasado abril xa declarou Xeoparque as Montañas do Courel, que se converteron así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Así mesmo, de cumprirse o obxectivo de que en 2021 a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de Galicia, o 42% da superficie galega quedaría amparada baixo algunha figura de protección.

Seis reservas da biosfera en Galicia

Galicia conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da Ribeira Sacra, a extensión protexida en Galicia baixo a figura de reserva da biosfera se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

- Publicidade -


+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies