spot_img
InicioGaliciaCompostelaA exposición 'Galicia, un relato no mundo' da Xunta pecha o seu...

A exposición ‘Galicia, un relato no mundo’ da Xunta pecha o seu primeiro mes cunha cifra récord de 12.000 visitantes

A exposición 'Galicia, un relato no mundo' da Xunta pecha o seu primeiro mes cunha cifra récord de 12.000 visitantesO Museo Centro Gaiás está a recibir unha media de 442 visitantes por día para coñecer a primeira mostra internacional do Goberno galego polo Xacobeo 21

A exposición Galicia, un relato no mundo recibiu no seu primeiro mes un total de 12.000 visitantes, unha cifra récord que supera incluso a de mostras cunha excepcional acollida entre o público, como foi o caso de Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra, na que se exhibiu por vez primeira en Galicia o icónico cadro A derradeira leición do mestre de Castelao. Cunha media de 442 visitantes por día, a primeira exposición do Goberno galego polo Xacobeo 2021, que se pode ver nestes momentos no Museo Centro Gaiás, espertou un grande interese entre o público, rexistrándose xornadas nas que se supera incluso o milleiro de visitas nos días de maior afluencia.

O alto interese da exposición constátase tamén entre a comunidade educativa e xa neste primeiro mes 1.400 escolares participaron nas visitas didácticas a Galicia, un relato no mundo. Outros preto de 6.000 estudantes de centros de ensino primario e secundario de toda Galicia teñen xa reservada a súa quenda para achegarse á Cidade da Cultura a coñecer a mostra comisariada por Manuel Gago.

Tamén o programa de visitas comentadas para público xeral está a ter unha extraordinaria resposta de público, tanto a través das súas quendas regulares ¬–programadas todos os días de martes a domingo ás 17.30 horas e con entrada libre– como do ciclo Historias na encrucillada –tamén de balde, con reserva previa–. A través deste programa de visitas especiais, todos os sábados pola mañá o público pode mergullarse dun xeito diferente na exposición, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia. A Cidade da Cultura abrirá proximamente as vindeiras quendas de reserva para participar neste programa, que nas súas dúas primeiras citas –guiadas polo comisario Manuel Gago e a historiadora Pilar Cagiao– esgotaron as súas prazas horas despois de terse anunciado.

A exposición, que reúne na Cidade da Cultura numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo, está a recoller tamén unha grande aceptación entre a crítica e a prensa xeral e especializada, con cabeceiras internacionais do prestixio de The Guardian que se fixeron eco da mesma.

Oportunidade única

Galicia, un relato no mundo ofrece ao público galego a oportunidade única de ver reunidas no Museo Centro Gaiás pezas chegadas de todo o mundo e cedidas por institucións do prestixio do Museo do Prado, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Oxford ou o Museo Nacional de Arqueologia de Lisboa. Trátase de obras mestras do patrimonio universal como o Códice Calixtino do Vaticano, o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–,a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–, ou a icónica escultura Santa, de Francisco Asorey.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía. Está enmarcada na programación do Xacobeo 2021, que conta con Estrella Galicia e Gadisa como patrocinadores especiais. Poderase visitar de balde no Museo Centro Gaiás entre o 15 de novembro e o 12 de abril de 2020 en horario de 10,00 a 20,00 horas. No web cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información sobre a mostra e o programa de actividades que se desenvolverá ao redor da mesma.

- Publicidade -spot_img