O Museo Provincial acolle a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”

O Museo Provincial acolle a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo resaltar hoxe na presentación no Museo Provincial da exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos”, o gran valor arqueolóxico da mostra, que percorrerá diferentes puntos da xeografía española e porá á provincia no “mapa internacional” do turismo arqueolóxico, permitindo deste xeito tamén desestacionalizar a demanda.

“Hoxe aquí sentímonos amparadas e amparados pola historia”, sinalou Silva. “Esta exposición concíbese para contarlle ao mundo que os galaicos somos moito máis que os habitantes do noroeste peninsular”, explicou a presidenta, para engadir a continuación que a mostra busca tamén “rachar cos tópicos e esa idea xeneralizada de pobo pouco desenvolvido”.

A presidenta da Deputación informou que a mostra estrearase o 31 de outubro no  Museo Arqueolóxico Nacional, viaxará ata Valencia na primavera de 2019, e regresará a Pontevedra ao Museo Provincial

Durante a exposición púxose en marcha a conta atrás ata a inauguración da mesma, que terá lugar no prestixioso Museo Arqueolóxico Nacional, situado en Madrid, o próximo 31 de outubro. De alí viaxará ata Valencia, o Mediterráneo, na primavera de 2019, para regresar novamente ao Atlántico, ao Museo Provincial de Pontevedra.

A presidenta sinalou a proximidade dos portos galegos con destinos marítimos como os que hoxe coñecemos como Cádiz (Andalucía) e Cardiff (Reino Unido). “Fomos o centro ou fomos a periferia?”, preguntou Silva, lembrando as relacións que se estableceron con fenicios e cartaxineses, entre outros. “Con esta exposición imos contarlle á sociedade como a nosa posición estratéxica de entrada e saída de mercancías, persoas, linguas e culturas configurounos nunha sociedade aberta e creativa”, afirmou  a presidenta.

Na presentación participaron tamén o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, así como os comisarios da exposición, Andoni Nicolau e Rafael Rodríguez. Valle quixo sinalar a importancia da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, “antecedente inmediato do Museo de Pontevedra”, que este ano cumpre 125 anos desde a súa fundación.

Pola súa parte, Nicolau e Rodríguez apuntaron á importancia da colección que se reuniu para esta exposición. “Trátase dunha exposición colectiva que explica a relación dun  pobo entre dous mundos”, explicou Nicolau. “Cando os romanos chegan aquí atópanse unha sociedade complexa, articulada, que en parte fará fronte a ese invasor”, continuou. A exposición percorre “1.500 anos de historia que nos falan dos nosos antepasados”, tal e como sinalou Rodríguez.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies