·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoO Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de...

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición “Containers” de Manuel Quintana Martelo

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición Containers de Manuel Quintana MarteloAs salas de exposición da planta baixa do Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición “Containers” de Manuel Quintana Martelo e que está comisariada por Juan Manuel Bonet

Na inauguración estiveron presentes Miguel Fernández-Cid, director do MARCO; Juan Manuel Bonet, comisario da exposición; Manuel Quintana Martelo, artista e Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO

Rematada a presentación realizouse unha visita ás salas de exposición na compaña do artista e do comisario.

Esta exposición reúne por vez primeira a serie Containers, practicamente inédita, na que Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) leva traballando sen interrupción dende 2012.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición Containers de Manuel Quintana Martelo

Durante os últimos sete anos, Quintana Martelo centrouse nunha serie de cadros nos que o motivo, o punto de partida, a escusa, son os contedores que atopa nas cidades que visita. Todos teñen un trazo común que consegue chamar a atención: inicialmente, unha presenza escultórica definida, unha composición atractiva e un impacto visual. A serie está baseada nun conxunto de contedores, tratados como presenzas escultóricas, pero tamén como bodegóns urbanos.

Xunto aos cadros da serie, que se exhiben en diferentes formatos, a mostra inclúe bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas de grande escala, de forma que a montaxe no seu conxunto permite coñecer en detalle o modo de traballar do artista, e a súa resposta ante distintos soportes.

Esta mostra, producida polo MARCO, supón a primeira exposición individual de Quintana Martelo en Vigo dende 2003, e unha vez finalizada viaxará á Sala Rekalde (Bilbao, Deputación Foral de Bizkaia), onde se exhibirá a partir do mes de marzo de 2022, como resultado dunha frutífera colaboración entre ambas as dúas institucións.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición "Containers" de Manuel Quintana Martelo

Sobre o artista

Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) inicia a súa traxectoria artística nos anos setenta, marcada por un forte compromiso social. Licenciado na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona, pronto a súa obra evoluciona cara a rexistros procesuais de correntes urbanas e expresionistas         .

Participante no movemento Atlántica na década dos oitenta, nos noventa instálase en Nova York, onde exporá con éxito a súa obra, así como en Caracas, Miami, e Oporto. Profesor no instituto Xelmírez de Santiago de Compostela, onde tamén foi director, abandona a actividade docente para centrarse con maior intensidade na súa produción artística.

Estivo á fronte da Asociación de Artistas Visuais de Galicia, facéndose cargo posteriormente da Real Academia Galega de Belas Artes. A súa obra foi protagonista dunha retrospectiva no Auditorio de Galicia (2007), dunha monográfica na Deputación de A Coruña (2010), e dunha exposición individual no Kiosko Alfonso de A Coruña (2011). En 2012 recibe o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Plásticas.

Dende 2010 realiza obras escultóricas, trasladando as formas do lenzo á terceira dimensión. A súa propia figura, mesa e útiles de traballo incorpóranse ao soporte como parte da obra. A súa serie pictórica Containers, iniciada en 2012, é o punto de partida para a exposición producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en 2021.

www.quintanamartelo.com

Sobre o comisario

Juan Manuel Bonet (París, 1953) é crítico de arte, museólogo, escritor, e comisario de exposicións no ámbito da pintura, a literatura e a música. Director do Instituto Cervantes (2017-2018) e do Instituto Cervantes de París (2012-2017), dirixiu o IVAM Instituto Valenciano de Arte Moderna (1995-2000) e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (2000-2005), e é presidente da Fundación Arquivo Rafael Cansinos Assens e do Comité Internacional da Fundación Vicente Huidobro.

Ademais de varios libros de poemas recentemente agrupados en Via Labirinto, e do dietario La ronda de los días, é autor de obras de referencia como Diccionario de las vanguardias en España: 1907-1936, ou Impresos de vanguardia en España: 1912-1936; e de edicións críticas de autores como Rafael Alberti, Max Aub, Salvador Dalí, José María Eguren e Rafael Lasso de la Vega; así como de monografías sobre Juan Gris, Ramón Gaya, Gerardo Rueda, Martín Chirino, Pelayo Ortega e Miguel Galano, entre outros.

Como comisario de exposicións, destacan as retrospectiva de artistas como Mariano Fortuny e Madrazo, Pablo Picasso, Juan Gris, Giorgio Morandi, Tarsila do Amaral, Henri Michaux, Henryk Stazewski, Francisco Bores, Juan Manuel Díaz-Caneja, Ramón Gaya, Eugenio Fernández Granell, Esteban Vicente, José Guerrero, Manolo Millares, Lucio Muñoz, Manuel H. Mompó, Julio López Hernández, Alex Katz ou Dis Berlin; fotógrafos como José Manuel Ballester, Javier Campano, Francesc Catalá Roca, Jesse Fernández, Bernard Plossu, Leopoldo Pomés, Josef Sudek; escritores como Max Aub, Julio Cortázar, Alfredo Gangotena, Ramón Gómez de la Serna, Tadeusz Peiper, Francisco Vighi; políticos como Juan Negrín; e compositores como Morton Feldman, ou Ricardo Viñes.

- Publicidade -spot_img

Publicidade