spot_img
InicioAlto MinhoO MUMI 2022 conectará ás industrias musicais galega e portuguesa na Eurocidade...

O MUMI 2022 conectará ás industrias musicais galega e portuguesa na Eurocidade Tui-Valença

O MUMI 2022 conectará ás industrias musicais galega e portuguesa na Eurocidade Tui-Valença“O MUMI é unha grande oportunidade para converter a Eurocidade Tui-Valença nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países”. Esta foi a mensaxe lanzada pola organización da feira e secundada por todas as entidades que participaron na presentación do MUMI 2022, o encontro profesional das músicas do Minho que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro.

Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o presidente e responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; o xefe territorial da Xunta en Pontevedra, César Pérez Ares; e representando á organización do MUMI, Diana Martins e Manuel Vicente Roxo.

A partir deste xoves, profesionais e artistas poderán inscribirse para participar na 3ª edición da feira, que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro e que contará coa CRTVG como medio amigo para a difusión do encontro

O encontro do sector musical, que tamén terá programación aberta á cidadanía, anuncia a súa intención de fixar ubicación de cara ás próximas edicións. “O MUMI atopou na Eurocidade Tui-Valença o enclave perfecto para consolidarse e medrar ata converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, afirmou Roxo.

Diana Martins e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, manifestaron a súa satisfacción por ter atopado na Eurocidade unha garantía de estabilidade para o MUMI, que este ano pretende consolidarse tanto en ubicación como en calendario. A feira reubícase na última fin de semana do mes de setembro, unha data que favorece a asistencia de profesionais e artistas, e que ademáis vai encher de xente as dúas vilas nunhas datas de menor afluencia de visitantes.

Diana Martins anunciou que desde este mesmo xoves 24 de febreiro todas as persoas interesadas en participar no MUMI 2022 poden inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas permanecerá aberta ata o 31 de marzo, mentres que as inscricións para profesionais estarán abertas até as datas de celebración do evento. En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta.

Pola súa parte, Manuel Vicente Roxo lembrou o importante impacto económico e social da pasada edición, na que participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical,  entre axencias, programadores públicos e privados, xornalistas culturais, empresas de servizos, discográficas e editoras. Roxo asegurou que nesta 3ª edición prevese aumentar este impacto económico e sobre todo remarcou a importancia do impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apuntou.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “despois da edición do ano pasado temos claro que o MUMI ten que ser unha das apostas inequívocas do Concello porque estamos convencidos de que temos diante unha oportunidade que nos vai beneficiar a todos, tanto ás institucións como á industria musical dos dous países”. O rexedor aínda engadiu que “se hai un territorio que reflicte o espíritu do MUMI é a Eurocidade Tui-Valença”.

Pola súa banda, José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença, incidiu no “enorme potencial do evento e na súa capacidade para recuperar a normalidade na actividade musical e contribuír a relanzar o sector da cultura, despois da parada pandémica”.

O xefe territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que “o MUMI exemplifica unha das liñas de traballo marcadas desde a Consellería de Cultura de impulsar e promover a relación cultural entre Galicia e Portugal, ao amparo da Lei Valentín Paz-Andrade”. A administracióna utonómica apoia o evento a través dos fondos do Plan de Reactivación do Xacobeo.

Por último, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura de Tui salientou que “o MUMI é a primeira feira internacional de música galego-portuguesa e non temos dúbida de que será en pouco tempo un encontro de referencia na península”. Vicente engadiu que o evento vai axudar a reforzar o sector turístico da Eurocidade que neste momento está atravesando aínda nunha situación complicada.

Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2022, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de seguir creando novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita na última semana de setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos municipios, o da Xunta de Galicia, a Direção de Cultura do norte de Portugal e a Fundação GDA (Gestão dos Direitos dos Artistas). Ademais este ano, únese como medio amigo a CRTVG, para garantir a través da Radio Galega e a Televisión de Galicia a cobertura da feira; unha difusión que na outra beira do Minho estará apoiada desde os medios públicos portugueses Antena 2 e Antena 3.

- Publicidade -spot_img