spot_img
InicioO SalnésArousaOs concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla...

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do CamiñoPromovida pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rutas xacobeas da provincia, a Mesa Provincial do Camiño incorpora aos concellos de Sanxenxo, Meaño, Catoira, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Pontecesures, Valga, Caldas e Vilanova.

Na sesión telemática celebrada onte acordouse a inclusión destes municipios polos que transcorre este itinerario. Así o referendaron as e os asistentes á Mesa, na que participaron, amais da  deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; os alcaldes e alcaldesas da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior e Vilaboa e concelleiras e concelleiros de Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Como lembrou Ana Laura Iglesias, en anteriores encontros coa presidencia da Mancomunidade do Salnés coincidiuse na necesidade de integrar estes municipios na Mesa Provincial do Camiño, co fin de dispoñer de información dos concellos polos que discorren os trazados oficiais dos camiños na provincia, así como dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión dos mesmos. A Mesa tamén ten como obxectivo difundir nacional e internacionalmente os valores culturais do Camiño e impulsar a cooperación e colaboración entre as administracións implicadas na súa xestión. A partir da próxima sesión da Mesa estes concellos poderán participar xa a través da figura do alcalde/sa ou persoa en quen deleguen. O representante da Xunta abstívose na votación da entrada destes concellos, ao non atenderse a súa demanda para a incorporación tamén dun representante da agrupación de concellos Mar de Santiago, que integra só a unha parte dos municipios da ruta.

No que respecta a esta petición, a Deputación insistiu en manter a composición formal da Mesa na que están os concellos e as asociacións do conxunto das rutas oficiais. Por outro lado, tamén pasará a integrar a Mesa o concello do Rosal, que a pesar de estar na ruta do Camiño Portugués da Costa, aínda non formaba parte do órgano da Deputación.

Doutra banda, a Mesa amosou o seu apoio ás demandas dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Baiona en relación á problemática do transporte en ferri entre A Guarda e Caminha, pendente do arranxo do pantalán da Guarda por parte da Xunta e, neste senso, acordouse trasladar a Portos de Galicia a reivindicación destes municipios sobre a necesidade de reparar o peirao á maior brevidade.

Balance

No transcurso da sesión tamén se puxeron sobre a mesa as distintas actuacións de promoción e posta en valor do Camiño na provincia de Pontevedra ao longo do 2021. Neste senso, a Deputación realizou accións de promoción en todas as variantes do Camiño a través de medios en liña. Recursos como o Pazo de Oca, o Mosteiro de Carboeiro, a fonte termal de Caldas, o Mosteiro de Armenteira, a catedral e casco histórico de Tui ou a ponte de Ponte Sampaio formaron parte das campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas así como de medios especializados.

Amais, elaborouse un vídeo promocional das diferentes rutas estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e que tamén se divulgou unha presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Dito vídeo pon o acento na sostibilidade deste recurso turístico e na paisaxe con todos os seus matices como elemento diferenciador de Galicia e da provincia cando se fai o Camiño e se chega a esta terra.

As vindeiras actuacións de promoción da ruta xacobea inclúen en abril a apertura da exposición “Camiños do Sur”, que percorrerá cinco concellos da provincia polos que transcorre o Camiño Portugués promocionando este itinerario cultural europeo e os recursos turísticos da contorna.

- Publicidade -spot_img