spot_img
InicioBaixo MiñoO movemento asociativo xacobeo de Galicia e Portugal ofrecerá a súa visión...

O movemento asociativo xacobeo de Galicia e Portugal ofrecerá a súa visión da peregrinación no Foro do Camiño Portugués

O movemento asociativo xacobeo de Galicia e Portugal ofrecerá a súa visión da peregrinación no Foro do Camiño PortuguésO vindeiro martes, 22 de febreiro, o Concello de Tui continua coa celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués” coa presenza, nesta ocasión, de dous acreditados representantes do movemento asociativo xacobeo de Portugal e Galicia

Así contarase coa presenza de José Luís Sánches, directivo da Associaçao de peregrinos “Vía Lusitana” e de Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño Portugués – Agacs.

Tanto José Luis Sanches como Begoña Valdomar posúen unha longa traxectoria de traballo a prol do Camiño de Santiago, especialmente dende as súas responsabilidades no movemento asociativo e achéganse ata Tui para ofrecer a súa visión sobre a propia ruta xacobea e moi especialmente sobre as dinámicas existentes no Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. Esta visión enriquece as diversas achegas ata agora realizadas neste Foro do Camiño Portugués abordado dende a óptica do turismo, da igrexa, dos peregrinos, etc.

A conferencia do próximo martes 22 de febreiro ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo recomendable a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a José Luis Sanches e a Begoña Valdomar a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas e no pasado mes de xaneiro, Victor Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.600 amigos, etc.

- Publicidade -spot_img