O Museo de Arte Contemporánea de Vigo exhibe ata o 15 de setembro, a obra máis recente do artista de Vigo, Bosco Caride
A exposición de Bosco Caride (Vigo, 1963) xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores…) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe. Turner, Constable, por citar os pioneiros, que ao igual que xeracións posteriores e os impresionistas, inspiráronse nas nubes e descubriron nelas unha dimensión plástica. En efecto, Bosco Caride traballa coidadosamente estes “estados atmosféricos ou gasosos” en tanto que composición, veladuras, cor… á fin e ao cabo, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.
Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis ca un simple formalismo ou unha expresión abstracta. Este algo non é visible e está oculto no cadro –ou fóra del–, pero é a causa real do “fume”, que non é outra que a explosión, o drama, o conflito, a contaminación… En definitiva, existe unha dimensión simbólica, talvez política, que dá sentido e sobrevoa a obra de Bosco Caride.
A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero por riba de todo, por esta mesma razón, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un dialogo cara a cara coa obra de arte.
“O proxecto que Bosco Caride presenta no MARCO de Vigo significa un cambio de orientación con respecto aos seus primeiros traballos ao mesmo tempo que a culminación duns intereses que iluminaron toda a súa traxectoria. Trátase dunha obra baseada nos matices de cor, pero que expresa tamén fondos contidos, que se entende como un espazo de meditación, o que a vincula a toda unha tradición contemporánea que vai do romanticismo aos monocromos de Mark Rothko.
Dende os seus inicios, o traballo de Bosco Caride soubo conciliar nunha fecunda síntese dualidades ou contrarios. Binomios que a historia da arte tratou habitualmente como incompatibles ou enfrontados: fotografía/pintura, forma/contido, beleza/sinistro, representación/abstracción…