spot_img
InicioGaliciaA veda do polbo en Galicia terá lugar en maio e xuño...

A veda do polbo en Galicia terá lugar en maio e xuño este ano e analízanse medidas complementarias para 2025

a-veda-do-polbo-en-galicia-tera-lugar-en-maio-e-xuno-este-ano-e-analizanse-medidas-complementarias-para-2025A veda do polbo en Galicia terá lugar este ano durante dous meses, en concreto maio e xuño, tal e como se trasladou ao sector na última reunión da comisión de seguimento do plan experimental para a xestión deste octópodo e a falta de que se aprobe e se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a  resolución para esta campaña 2024-2025.

Revista Cousas De Nº20

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

No plan consensuado co sector para a campaña que se abrirá a finais do mes de xuño ao terminar a veda non varían nin os quilogramos marcados como captura máxima nin as e especies acompañantes que se poden capturar, como tamén permanecerán igual os horarios, tal e como se recollerá no DOG. En canto aos desembarques estase a traballar na mellorar a adecuación das autorizacións en varios portos para que non haxa problemas no día a día.

No último encontro da comisión de seguimento tamén tomou en consideración estudar unha condición específica para a frota con porto base en Malpica, pois ten unhas circunstancias especiaIs derivadas da proximidade a uns dos límites zonais do plan, o que provoca rixideces na xestión da actividade e na práctica diaria da frota, motivo polo cal se revisará esta situación para dotala de maior flexibilidade.

No peirao de Bueu as nasas esperan a retomar a súa actividade na procura do polbo
Nasas no peirao do porto de Bueu

 

No encontro traballouse xa tamén, xunto cos profesionais do mar, nun plan máis completo para a campaña 2025-2026 que poderá levar consigo catro meses de parada, dous dos cales se prevén subvencionar como paro biolóxico.

Dada a previsión de incremento dos meses de inactividade o obxectivo deste departamento da Consellería do Mar é empezar de inmediato na definición do plan para a campaña de 2025-2026 co fin de que se poda poñer en marcha e permita á frota ir adecuando a súa actividade anual á parada. Para definir as datas específicas do paro analizarase cal é a mellor época para realizala en función do desove da especie e tamén dos alevíns.

De cara ao ano que ven desde a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén se está a traballar coa Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) co fin de mellorar o seguimento e tratar de obter máis datos e con maior precisión co fin de poder realizar unha mellor xestión do recurso.

Tamén se están a sentar as bases dun plan de control e de seguimento da actividade que levan a cabo a Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto para que sexa máis esixente e permita reducir a mínimos as posibles desviacións sobre a norma.

Medidas en favor do sector

A finais do ano 2023 modificouse a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros en Galicia, propiciando que o peso mínimo dun quilogramo para o polbo pasase a ter unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez se realice e rexistre a pesada no momento do desembarque.

Cumpríase así cunha demanda das organizacións do sector da pesca, que advertían de que durante as fases da cadea de produción e distribución experimenta unha diminución no seu peso alcanzando valores inferiores ao tamaño regulamentário. Un informe coa comprobación dos rexistros de pesadas en distintos intervalos de tempo constatou que a diminución se debía á perda de auga.

- Publicidade -spot_img