Asociación Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago convidou ao secretario xeral de Política Lingüística a impartir unha conferencia sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2019
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pronunciou a conferencia Antonio Fraguas e o Día das Letras Galegas convidado pola Asociación Hispano-Galega Caballeros de Santiago de Salvador de Baía (Brasil) e, a continuación, asistiu á toma de posesión da nova directiva desta entidade. Nos actos, celebrados na sede da devandita asociación cultural, participou tamén o alcalde en funcións de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, concello natal do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas e onde teñen as súas raíces moitos dos membros de Caballeros de Santiago.
Valentín García incidiu, por unha banda, no vencello de Antonio Fraguas co Brasil e coas comunidades galegas de alén mar a través da figura de seu pai, “que por pouco non levou canda si o fillo a América para que compartise con el o destino de emigrante”. Por outra banda, destacou como a infancia de neno aldeán en Cerdedo-Cotobade deste autor “determinou o valor fundamental que Antonio Fraguas lle concedeu sempre á cultura e á lingua do pobo”.
Tras o relatorio do secretario xeral e a toma de posesión da nova directiva, presidida por Santiago Coelho Rodríguez Campo, os asistentes gozaron da actuación do Grupo Folclórico de Caballeros e do grupo de gaita Os Celtas.
Caballeros de Santiago
A Asociación Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago foi fundada en 1960 na cidade de Salvador, capital do brasileiro estado de Baía, por un grupo de emigrantes que ansiaba difundir no Brasil a súa cultura de orixe. Organiza cursos e diferentes actividades culturais, entre as que se encontran as dedicadas á celebración do Día das Letras Galegas.