spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO inicio do VIII acto de conmemoración da Batalla de Rande e...

O inicio do VIII acto de conmemoración da Batalla de Rande e o II Festival Casto Sampedro, centran a axenda cultural da fin de semana

O inicio do VIII acto de conmemoración da Batalla de Rande e o II Festival Casto Sampedro, centran a axenda cultural da fin de semanaA programación para o outono/inverno deseñada pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela que xestiona Iria Vilaboa ofrece, para esta fin de semana historia e música a partes iguais.

O sábado 16, o inicio da oitava edición da conmemoración da Batalla de Rande e, o domingo 17 de outubro, a música máis tradicional da man da segunda edición do festival Casto Sampedro.

Dende as 19 horas do sábado 16, as rúas e prazas de Redondela encheranse historia co ‘primeiro acto’ do desfile e representación da Batalla de Rande que chega da man da ACD Rande coa colaboración do Concello de Redondela, e na que a vestimenta de época das tropas hispanofrancesas e inglesas poñerán a cor a un máis que atractivo desfile no que as tropas escoltan os ‘tesouros das indias’ logo da descarga dos galeóns. Un episodio salientable da historia na que Redondela e a enseada de San Simón foron, unha vez máis, testemuñas de privilexio.

Xa a vindeira fin de semana e nas inmediacións do Meirande, en pleno estreito de Rande lugar da batalla, terá lugar a representación que, ano tras ano reforza o seu poder de convocatoria converténdose nunha cita imprescindible do sur de Pontevedra.

O domingo 17 de outubro, a partir das 20 horas e con entrada totalmente de balde, a música collerá o relevo á historia da man do II Festival Casto Sampedro, en memoria do folclorista e investigador de arqueoloxía, nado en Redondela. No festival, organizado polo Concello e o Carballo das Cen Polas, participarán os grupos Os fillos da Pile e O Carballo das Cen Polas.

- Publicidade -spot_img