Máis de medio cento de persoas participaron no Pazo do Mosteiro de Tomiño neste punto de encontro que dá voz a todas as mulleres que apostan polo rural
“Dende Eu Rural pretendemos dar voz a todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o noso territorio”. Así explicaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, o obxectivo do Foro da Muller Rural, que celebrou a súa segunda edición coa colaboración do Concello de Tomiño no Pazo do Mosteiro este venres, véspera do Día Internacional da Muller Rural. Un punto de encontro que busca recoñecer o valor das mulleres como peza fundamental para o desenvolvemento do territorio, “no que visibilizar o que están a facer e no que crear un espazo para compartir e tecer redes”.
“Esta segunda edición volve poñer o foco sobre mulleres emprendedoras, valentes, capaces de vivir e emprender no rural. Estamos orgullosas de todas vós e da vosa man comezamos este camiño que xa non ten volta atrás e que no que ano tras ano iremos poñendo en valor ás mulleres empoderadas dos nosos municipios”, destacaba González durante o acto inaugural, no que participaron alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros dos 13 municipios do territorio. A presidenta de Eu Rural quixo aproveitar a ocasión para recordar durante a lectura do manifesto “a importancia para as mulleres de dar un paso adiante, con determinación, con intelixencia, con decisión e sen medo para que a desigualdade de xénero no noso rural só sexa unha triste lembranza do pasado”.
A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, Inés Santé, quixo agradecer a Eu Rural a posta en marcha deste foro e quixo resaltar todos aqueles indicadores que poñen de manifesto a importancia da muller no rural, así como a súa presenza nas novas incorporacións de xente moza á actividade agraria ou a cantidade de mulleres que atoparon ou consolidaron o seu emprego a través das axudas Leader. “Existe emprendemento no rural en feminino”, destacou.
Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou que “hai moitos proxectos interesantes que demostran que podemos aproveitar todo o que temos no noso rural e que nos sitúan nos postos máis altos do ranking estatal de emprendemento feminino dende hai anos. É o momento de servir de exemplo”. Mentres, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, deu os parabéns a todas as mulleres que hoxe están aquí, pero tamén a todas as que están a defender proxectos co rural como esencia e raíz”.
En total, 14 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario. Así, nesta segunda edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Nuria Villa, de Petit de la Crème e Nuvi & Éxfico (A Guarda); Mar Lago, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández, de Pazo da Escola (Gondomar); Elisabet Lage, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle, de Clínica de podología Pisamos (Mos); Silvia Mollinedo, de Guardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal, de Encaixa Estudo de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage, artesana (Pazos de Borbén); Inés Tornero, confección de bolsos (Redondela); Marisol e Raquel Otero, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez, de acuBam (Tomiño) e Natalia Rodríguez, de Bodega Corista (Tui).
Eu Rural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de emprendemento rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da asociación.
Muller homenaxeada
Como xa fixera o ano pasado, o Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a goianesa Clara Pousa, un referente do empoderamento feminino en Tomiño e na comarca. Enxeñeira, técnica na Oficina Agraria Comarcal do Rosal e presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián, Pousa recibía de man da alcaldesa Sandra González unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.
“Cando rematei de estudar, nos anos 70, non imaxinaba que ía ser tan complicado atopar traballo e incorporarme a un sector no que só querían homes. Hoxe xa hai moitas mulleres que son técnicas, pero a maioría dos postos de mando seguen estando en mans de homes. Por iso é un pracer estar hoxe aquí e ver que a igualdade de xénero no emprendemento esta cada vez máis cerca. Aínda nos queda camiño por diante, e para percorrelo é importante que nos valoremos, que asumamos responsabilidades… para que as nosas fillas e netas saiban que poden. O rural ten futuro… e nome de muller”, recoñeceu Pousa.