Inicio Val Miñor Baiona O IEM conmemora o seu vixésimo aniversario coas xornadas “A volta das...

O IEM conmemora o seu vixésimo aniversario coas xornadas “A volta das 9”

O IEM conmemora o seu vixésimo aniversario coas xornadas “A volta das 9”A programación inclúe charlas, exposicións, documentais, encontros con escritoras que abordaron esta temática e unha homenaxe ás familias que sufriron a barbarie franquista

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) porá en marcha a partir deste xoves e durante todo o mes de outubro, un programa de actividades centrado en recuperar a memoria das mulleres que sufriron a represión franquista no Val de Miñor. Faino no ano en que se cumpren vinte desde a súa constitución e coincidindo co mes no que tivo lugar o asasinato de nove veciños da contorna na Volta da Bombardeira, coñecida desde entón como A Volta dos 9.

Nesta ocasión, o IEM quere darlle especial protagonismo ás mulleres. Tanto a aquelas que padeceron de xeito directo, -caso de Dolores Samuelle, asasinada por dar acubillo en Baiona aos irmáns José e Luís López Luís, os Ineses, cuxa redada deu orixe á masacre dos nove no camiño a Baredo- como as que viron á súa vida truncada pola persecución dos homes da familia. As nove viúvas da Bombardeira son un claro exemplo e de aí que o IEM denominase á xornada como A Volta das 9.  Mais, explican desde o organismo, “non só homenaxearemos a esas nove vítimas e ás súas familias se non que, coa súa volta á nosa memoria, queremos render tributo a todas as mulleres do Val de Miñor que sufriron a represión”·.

Asasinadas, presas, vexadas con castigos como os abusos sexuais ou a rapa, depuradas dos seus empregos, exiliadas, viúvas e orfas, terán protagonismo nos actos e na publicación que, con algunhas das súas historias elaborou o IEM e que será repartida de balde durante os actos. Mais tamén o terán as mulleres solidarias, resistentes e aquelas que, transmitindo a súa memoria, posibilitaron que o verdadeiro relato do acontecido chegase ata nós.

INAUGURACIÓN DAS XORNADAS

Para a realización das xornadas, -que se prolongarán durante todo o mes, desde o xoves 3 ata o sábado 26 de outubro-, o IEM contou coa colaboración dos tres concellos nos que se desenrolará o programa: Baiona, Gondomar e Nigrán.

O primeiro acto terá lugar este xoves, 3 de outubro, na Aula Ponte de Rosas de Gondomar, a partir das oito da tarde, cunha charla de Telmo Comesaña, orfo de José Comesaña, un dos veciños de Alcabre asasinados en Vincios o 6 de outubro de 1936.

Dous días despois, o sábado 6 ás oito da tarde, terá lugar no Concello de Baiona a inauguración da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, cedida pola Deputación de Pontevedra. E a continuación, na Biblioteca Municipal, o proxección, e posterior debate, do documental Matriarcas, que sobre esta mesma temática elaboraron catro alumnas da contorna: Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial.

Os documentais serán un dos pratos fortes da programación. O martes 8, tamén ás oito da tarde, a directora francesa Odette Martínez estará no Auditorio de Nigrán para presentar o seu traballo La isla de Chelo,  protagonizado pola guerrilleira antifranquista Chelo Rodríguez, falecida este mesmo ano. O seu compañeiro de loita, o guerrilleiro Quico Martínez, participará no debate posterior.

A volta das 9 inclúe a proxección dun terceiro documental, o laureado El silencio de otros. Será o venres 18, ás oito da tarde, de novo na biblioteca municipal de Baiona, e contará coa presenza dun dos seus protagonistas, Chato Galante, que se adheriu á querela arxentina para que a xuíza Servini investigue as torturas ás que foi sometido por Billy el niño.

Tamén estarán en A volta das 9 as escritoras Eva Mejuto, coa súa obra Memoria do silencio, –protagonizada polas irmás Touza, que desde Ribadavia crearon unha rede de evasión para afastar aos xudeus do holocausto nazi-, e Inma López Silva que, en Memoria das cidades sen luz, recrea o exilio de María Miramontes, a viúva do alcalde de Compostela, Anxo Casal, asasinado polos franquistas.

O programa complétase coas charlas das xornalistas Montse Fajardo, -que falará das características da represión feminina e en concreto, da sufrida na contorna-, e Carme Vidal, -que versa sobre as autobiografías realizadas por varias vítimas galegas-, así como de familiares de represaliados: Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda, asasinado en agosto do 36, e Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa nun campo de concentración nazi.

O acto de homenaxe ás familias terá lugar o sábado 26 de outubro, ás doce da mañá, tras a colocación da placa, obra de Fernando Casás no cemiterio de Baiona en memoria dos 9. A música porana  Lucía César Veloso e Manolo Dopico.

O programa completo pode consultarse en www.iem.gal

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies