O “ Hidria Segundo”, o histórico alxibe que estivo en servizo na ría de Vigo durante a segunda metade do século XX volverá ao peirao no que amarrou por primeira vez.
Os seus armadores, Jacobo Costas e Sesé Otero, en colaboración coa Fundación Traslatio, organizadora do roteiro Xacobeo Iacobus Maris, e a Autoridade Portuaria de Vigo, conseguiron axuntar esforzos para que o “Hidria Segundo” poida chegar a ser un estandarte cultural e turístico do Porto de Vigo.
A localización do peirao de Portocultura, no Berbés, será definitiva para que este barco, o único con motor de vapor en activo de toda España, poida ensinar o seu funcionamento e a súa historia con Vigo, con visitas abertas ao público como centro de información da Ruta Xacobea Iacobus Maris (www.iacobusmaris.org), centro de talleres de formación náutica, de eventos, como museo, ou lugar de conferencias.
En palabras de Mario Cardama, presidente da Fundación Traslatio, “é un buque histórico que merece a pena recuperar para a Ría e para que Vigo teña algo que represente o que foi a súa historia marítima, un buque alxibe que estivo a traballar hai moitísimos anos”.
“Esta actividade vai estar próxima ao futuro visor submarino que vai situar a Autoridade Portuaria na dársena da Laxe e combínanse para traer o turismo ao Porto. Para a Fundación, ademais, será un centro de información do roteiro Iacobus Maris, e creo que é un bo sitio para que distintas empresas poidan realizar diferentes actividades, tanto na cuberta como no seu interior.
“Como armadores do ‘Hidria Segundo’, Jacobo Costas e eu estamos encantados de chegar por fin ao peirao de Portocultura”, afirmaba pola súa banda Sesé Otero. “Estamos moi contentos de que non sexa de maneira individual, senón en colaboración coa Fundación Traslatio, porque iso fai que haxa unha sinerxia entre as fundacións, as empresas e o Porto de Vigo no que vemos como unha parte patrimonial importante da cidade, algo que debe ser para o goce de todos. Esperamos que se unan moitas outras empresas e que se cre ao redor do `Hidria´ e do Porto de Vigo un referente de cultura marítima”.
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia de poñer en valor a historia marítima da Ría de Vigo. Un obxectivo que a institución que preside inclúe dentro da súa estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth.
Neste sentido, o máximo responsable portuario defendeu a necesidade de que non se perda esta tradición marítima e lembrou que a Autoridade Portuaria de Vigo continúa traballando para achegar o Porto á cidade.
Para iso, está a traballar na creación dun pantalán histórico-cultural en pleno centro da cidade, concretamente na dársena da Laxe, fronte ao edificio de Portocultura, onde facilitar a atracada dos buques insignia do Porto, logrando, desta maneira, poñer en valor o patrimonio marítimo local, facilitando a atracada dos buques que forman parte da historia da cidade, como o Hidria ou o Rías Baixas, reformado recentemente.
Vázquez Almuiña lembrou, ademais, que, no caso concreto do vapor, prestou un importante servizo ao Porto de Vigo, xa que era o que fornecía auga aos buques que operaban na Ría. O Hidria compartirá espazo co visor submarino contemplado no proxecto “Livings Ports” do Porto de Vigo, que resultou finalista dos Premios Mundiais á Sustentabilidade 2022 que organiza a Asociación Internacional de Portos ( IAPH).
Actualmente, está aberta unha votación pública, á que é posible acceder desde a seguinte ligazón: https:// sustainableworldports. org/ iaph- sustainability- awards-2022/vote/
Neste link convídase o público a votar polos seus favoritos entre os tres proxectos finalistas por cada categoría ata o 18 de abril a medianoite. O resultado da votación pública (30%), xunto co da avaliación do xurado de expertos (70%) determinará conxuntamente os gañadores dos Premios, que se entregarán durante a Conferencia Mundial de Portos que terá lugar o próximo 17 de maio en Vancouver (Canadá).