spot_img
InicioGaliciaCompostelaO Gaiás acollerá 500 intérpretes de bandas de música nunha edición do...

O Gaiás acollerá 500 intérpretes de bandas de música nunha edición do ‘Serán’ dirixida a pór en valor estas formacións

O Gaiás acollerá 500 intérpretes de bandas de música nunha edición do 'Serán' dirixida a pór en valor estas formaciónsO programa inclúe concertos que mesturan as bandas de música con outras manifestacións artísticas ou un gran baile ambientado a comezos do século XX

Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia daranse cita do 28 ao 30 de xuño no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou máis de 7.000 asistentes.

Ao longo dos tres días, o Serán’02 despregará un intenso programa con concertos de diversas bandas de música galegas, incluíndo un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, e concertos de formacións infantís e xuvenís. Outro dos pratos fortes do encontro será o Baile Irmandades da Fala, que convidará a todos os asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar na Praza Central do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.

O programa do encontro foi avanzado esta mañá nunha rolda de prensa celebrada no Xardín do Teatro do Gaiás, coa participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, do presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Iván Estévez, e do director artístico do Serán, Quique Peón. Ao remate da presentación, a Banda de Música Municipal de Valga interpretou un breve repertorio.

O titular de Cultura do Goberno galego eloxiou o feito de que esta segunda edición do Serán estea dedicado ás bandas de música, pondo de relevo o seu importante papel na cultura galega de base, “tanto pola súa relevancia artística como polo labor social e docente que desenvolven, formando no seu seo ás novas xeracións de músicos”. Segundo datos da FGBMP, en Galicia contamos a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e nas que aprenden música arredor de 5.000 nenos.

Recoñecemento das bandas de música galegas

“Non só temos exemplos de grandes músicos tocando en formacións profesionais en todo o mundo que comezaron a súa andadura na bandas das súas vilas”, sinalou Román Rodríguez, “senón que tamén as bandas galegas son recoñecidas dentro e fóra das nosas fronteiras pola súa calidade artística, situándose entre as mellores de Europa e acadando premios en certames internacionais”, apuntou o conselleiro.

Como exemplos, podemos destacar que no Serán’02 participarán formacións como a Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; A Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia; ou a Unión Musical de Meaño, que vén de gañar en abril deste ano o XXI Concorso Bandistico Internazionale Flicorno d’Oro en Riva del Garda (Italia) coa máxima puntuación do festival en todas as edicións.

O acto de presentación do evento, que ten o apoio da FGBMP, a Agadic e Gadis, contou tamén coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, así como de directores e representantes de distintas bandas de música da xeografía galega.

Programa para todo tipo de público

Serán’02 nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector, polo que incluirá contidos de tipo profesional ¬–como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas– e outros dirixidos a un público xeral e familiar, que ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados poderán visitar o recinto feiral do encontro, cunha trintena de expositores, e participar en obradoiros de baile agarrado e talleres de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás.

Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura popular, dedicando as súas edicións sucesivas a diversas manifestacións da nosa cultura de base. A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular estivo centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente.

- Publicidade -spot_img