O futuro laboratorio cuántico ( Center for Quantum Communications Technology, QCTech), que situará a Vigo no mapa europeo desta tecnoloxía, instalarase nun edificio da rúa López Moura, propiedade da Zona Franca. Trátase do edificio branco situado nunha das esquinas das instalacións que o Consorcio adquiriu hai algúns meses a Abanca.
O delegado do Estado, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitaron as instalacións, acompañados polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o profesor da Universidade de Vigo, Francisco Díaz, promotor do proxecto xunto coa Zona Franca.
Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo impulsada pola Axencia Espacial Europea (ESA) e o grupo de traballo inclúe a profesores e investigadores de Enxeñería de Telecomunicación con experiencia en comunicacións e criptografía cuánticas, con máis de 20 anos de percorrido investigador, con recoñecemento internacional como expertos e referentes no deseño e análise de seguridade destes sistemas. Pero tamén en fotónica integrada e espazo coa participación en proxectos de I+D coa Axencia Especial Europea durante máis de 20 anos e participación en diversos proxectos do Programa Marco europeo en tecnoloxías de comunicación espacial.
Zona Franca é socio fundador do Center for Quantum Communications Technology ( QCTech), que se constituirá nos próximos meses nunha asociación
O centro de investigación pretende ser un referente a nivel internacional no ámbito das comunicacións cuánticas, tanto en infraestruturas terreas como en espazo, co obxectivo de descubrir e desenvolver novas e poderosas aplicacións destas tecnoloxías que axudarán a impulsar as economías futuras. Axudará a fixar talento nun ámbito no que Europa e España deben posicionarse para competir cuns mercados previstos de miles de millóns de euros. Con este centro o proceso de transferencia á industria española verase acelerado incluíndo a creación de novas iniciativas empresariais, como polo tractor de empresas de alto valor engadido e mediante a creación de spin- off.
O centro de investigación, na súa calidade de xerador de coñecemento debe, por unha banda, manter un contacto estreito cos grupos de investigación máis afíns ás tecnoloxías cuánticas e, por outro, priorizar a realización de proxectos para as empresas que permitan a estas dar un salto competitivo no mercado, preferentemente internacional, as Universidades beneficiaranse da presenza dun novo axente con capacidade de traccionar proxectos de envergadura e as empresas terían un interlocutor cunha gran axilidade.
Entre as potencialidades está a produción de artigos científicos e resultados de investigacións, o liderado de proxectos competitivos a nivel internacional e europeo, a formación de técnicos e investigadores a través dun grao, máster e programa de doutoramento de excelencia que dará resposta á crecente demanda de expertos nestas tecnoloxías, ademais de prover de servizos a empresas e industrias.
O proxecto conta con importantes apoios como o EPIC ( European Photonics Industry Consortium), o Consorcio Europeo que agrupa a máis de 650 empresas europeas do sector da fotónica; tamén grandes compañías nacionais e internacionais de distintos sectores como telecomunicacións, aeroespacial ou defensa, que pediron confidencialidade; o Instituto de Astrofísica de Canarias, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.



