spot_img
InicioGaliciaA Coruña"Lolita Díaz Baliño, a realidade soñada" primeira mostra antolóxica dedicada á obra...

“Lolita Díaz Baliño, a realidade soñada” primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa

"Lolita Díaz Baliño, a realidade soñada" primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesDescoñecida polo público e esquecida pola historia da arte, a figura de Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) é representativa das dificultades ás que se tiñan que enfrontar as mulleres, aínda a comezos do século XX, á hora de desenvolver calquer tipo de actividade creativa. A calidade do seu traballo como ilustradora, debuxante e acuarelista obtería, sobre todo durante a etapa previa ao estalido da Guerra Civil, un recoñecemento que se traduciría nas súas numerosas colaboracións en diversas publicacións da época, e que a convertiría nunha das primeiras mulleres en ingresar nunha academia de Belas Artes. A influencia do seu traballo transmitiríase ademais a outras artistas de xeracións posteriores, grazas ao seu labor docente que desenvolvería ata o seu falecemento en 1963.

Lolita Díaz Baliño nace na Coruña en 1905 no seo dunha familia de creadores: dous dos seus irmáns, Indalecio e Ramiro, destacaron como escultor e ilustrador respectivamente, e o maior deles, Camilo, pai do artista, empresario e intelectual Isaac Díaz Pardo, foi un dos pintores máis importantes da sua xeración, cuxa traxectoria se vería truncada ao ser asasinado polos fascistas ao comezo da Guerra Civil.

O Día da Ilustración dedicado por primeira vez a unha muller: Lolita Díaz Baliño

O ambente familiar, que estimula a creatividade de todos os seus membros, fai que Lolita non sexa quen de lembrar en que momento comeza a realizar os seus primeiros debuxos. Unha das súas maiores influencias e principal apoio será o seu irmán Camilo. O estilo modernista da súa obra, na que están presentes correntes como o simbolismo e o Art Déco, xunto co acceso na casa dos seus pais ao traballo de ilustradores como o devandito Aubrey Beardsley, o norteamericano Will Bradley ou o lucense Manuel Bujados, entre outros, marcarán a estética inicial dos debuxos da ilustradora, que a mediados da década dos vinte comezan a publicarse en revistas como Mariñana ou Céltiga.

"Lolita Díaz Baliño, a realidade soñada" primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñes
Revista Galicia

Nestas primeiras obras fanse xa evidentes as características que definirán o seu estilo: as figuras son estilizadas e elegantes, de trazos sintéticos e alongados, e nalgúns casos, amosan unha inclinación cara o orientalismo moi en presente na ilustración da época. Ao longo das décadas dos vinte e trinta do século pasado, as ilustracións de Lolita Díaz Baliño Díaz multiplicaranse en revistas como Galicia, Galicia Gráfica e en xornais como La Voz de Galicia, e protagonizarán carteis publicitarios de diversa índole: festas populares, anuncios de sociedades recreativas, celebracións oficiais, etc. En 1926 participa por vez primeira nunha exposición colectiva, na que tamén estará presente obra de artistas como Sotomayor, Castelao ou Corredoyra, entre outros. Nesta época realiza a súa primeira ilustración para a tapa dun libro, Cantigas e verbas ao ar do escritor e xornalista Xulio Sigüenza, publicado pola editorial Nós de Ánxel Casal.

En 1929, a Deputación da Coruña concédelle unha bolsa para que realice estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, pero vese obrigada a rexeitala por motivos familiares. Xa na década dos trinta, a súa obra inclúese en numerosas exposicións colectivas, e o seu traballo como cartelista multiplícase. En 1934, impulsa a creación da Asociación de Artistas da Coruña, e participa xunto a outras compañeiras como Carmen Corredoyra ou Elena Santiso na exposición inaugural da agrupación, protagonizada en exclusiva por mmulleres.

“Hadas” de Lolita Díaz Baliño. Colección Díaz Arias

O 13 de febreiro de 1938 ingresará como académica na Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, converténdose xunto á pintora Carmen Corredoyra nas primeiras mulleres en acceder á institución. Tras o final da guerra, Lolita Díaz Baliño centrarase ata o seu falecemento na súa actividade docente, exercendo como profesora na Escola de Artes e Oficios da Coruña, e impartindo clases de pintura e debuxo no seu estudo, situado na Porta de Aires, en plena Cidade Vella, un espazo no que acollería a numerosas alumnas que destacarían posteriormente como artistas, como María Antonia Dans, Gloria de Llano ou Elena Gago, entre outras, e que anos despois recoñecerán a impronta da ilustradora nas súas respectivas traxectorias.

Primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa

DATAS Do 25 de marzo ao 19 de setembro de 2021

LUGAR Fundación Luis Seoane, A Coruña

Co obxectivo de reivindicar a obra da artista e ofrecer unha perspectiva o máis ampla posible do seu traballo, a exposición Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada amosará e un apartado que inclue catálogos de man, recortes de prensa, folletos, revistas, cartas, fotografías e dous retratos a lápis da artista realizados polo seu sobriño Isaac Díaz Pardo.

Preto dun centenar de obras procedentes de institucións, pero sobre todo de coleccións particulares, que conforman na Fundación Luis Seoane a primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa, un proxecto comisariado pola crítica de arte e xestora cultural Rosario Sarmiento que posúe un forte carácter divulgativo, incidindo nos tres aspectos nos que se dividiu a súa traxectoria: artística, académica e docente.

"Lolita Díaz Baliño, a realidade soñada" primeira mostra antolóxica dedicada á obra da ilustradora coruñesa

A mostra pon ademais de manifesto a evolución estética da artista ao longo dos anos, desde unha primeira etapa, acorde cos postulados da ilustración do seu tempo, ata unha certa volta cara o clasicismo, na que retrata a coñecidos e a varias das súas alumnas, realiza paisaxes, etc. A exposición inclúe tamén varios exemplos de debuxos de temática fantástica, das fadas de Lolita, un motivo anómalo na arte española pero frecuente noutras tradicións como na anglosaxona, utilizado por ilustradores como Aubrey Beardsley, unha das súas primeiras influencias.

- Publicidade -spot_img