spot_img
InicioVigo e áreaVigoO filme "Manoliño Nguema", premio do Público á Mellor Longametraxe Galega da...

O filme “Manoliño Nguema”, premio do Público á Mellor Longametraxe Galega da 9ª edición do Primavera do Cine

O filme Manoliño Nguema, premio do Público á Mellor Longametraxe Galega da 9ª edición do Primavera do CineLogo de 5 días de proxeccións e diferentes actividades paralelas como debates, encontros e obradoiros formativos, o Festival finalizou a súa edición máis desafiante cunha gala presentada pola actriz Débora Vukusic e o actor Adrián Ríos, que contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do Concelleiro da Área de Cultura, Abel Losada, e a Deputada Pronvincial de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias.

Nesta edición, marcada polas medidas hixiénico-sanitarias, o director do certame, Alfonso Castaño, salientou a boa resposta do público, que, “ávido de oferta cultural, encheu as salas cumprindo escrupulosamente, con amabilidade e respecto, os protocolos de seguridade“. Castaño agradeceu especialmente a este público “o amor que nos amosa cada día e os azos que nos dan para continuar cada ano con esta Primavera, aínda que sexa en outono“.

Finalmente, o palmarés da 9ª edición do Festival é o seguinte:

PREMIOS DO PÚBLICO

Premio  do Público á mellor curta da Lusofonía: Carne (2019), de Camila Kater, un retrato en animación de cinco mulleres e a súa relación co corpo, desde a infancia á terceira idade. Na produción de Carne participa a coruñesa Abano Films, produtora dirixida por Chelo Loureiro.

Premio  do Público á mellor curta galega: 16 de decembro (2019), de Álvaro Gago, unha crúa historia de violencia machista que atrapa ao espectador de principio a fin.

Premio do Público á mellor longa da Lusofonía: Pacificado (2019), de Paxton Winters, un retrato íntimo e alentador dunha familia que intenta achar a paz nese sempre cambiante campo de batalla urbano ao que chaman fogar, ubicado nas favelas de Río de Xaneiro.

Premio do Público á mellor longa galega: Manoliño Nguema (2019), de Antonio Grunfeld, un poderoso e valioso alegato sobre a cultura como ferramenta de reparación e desenvolvemento, da man dun artista de sangue ecuatoguineana e alma galega.

Premio do Público ao mellor videoclip: La vuelta al mundo, do cantante Bebo San Juan e dirixido por David Fidalgo Omil, unha peza de animación que mantén o persoalísimo estilo do seu multipremiado autor.

PREMIO DO XURADO

Premio a mellor longa lusófona: A febre (2019), de Maya Da-Rin. Segundo o xurado desta edición, composto por Sara Donoso, Iria Vázquez e Fon Cortizo, “A Febre é un filme que xoga e racha cos dualismos: a cidade e o bosque; o día e a noite, o supostamente civilizado e o salvaxe … e que retrata dun xeito magnífico en toda a súa complexidade a construción identitaria dun Brasil que aínda segue caracterizado por unha intensa relación de poder sobre os pobos indíxenas“.

Premio á mellor longa galega: Eroski Paraíso (2019), de Jorge Coira e Xesús Ron. Segundo os membros do xurado, ” Eroski Paraíso parte dun carácter aparentemente intimista para facer unha radiografía da sociedade actual comezando desde o particular para abrirse a un debate que non só recolle problemáticas do contexto galego, que tamén, senón que consegue traspasar as fronteiras xeográficas perfilando unha memoria colectiva directamente vencellada á transformación socio-económica que foi soportando España nas últimas décadas“.

Premio CREA á mellor dirección galega: Manoliño Nguema (2019), de Antonio Grunfeld. O xurado salienta “a súa aproximación híbrida, complexa e delicada á vida dun artista a medio camiño entre dous mundos, Galicia e Guinea, tendendo lazos entre eles e amosando o poder da cultura e a creación. O traballo de dirección articula unha narración que percorcorre a transformación social acontecida durante medio século da nosa historia recente. Un filme capaz de afondar na esencia do artista retratado integrando a teatralidade nun luminoso traballo cinematográfico”.

- Publicidade -spot_img