Inicio Pontevedra O Morrazo O filme croata ‘Piknik’ gaña a Ánfora de Ouro no 9º...

O filme croata ‘Piknik’ gaña a Ánfora de Ouro no 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

o-filme-croata-piknik-gana-a-anfora-de-ouro-no-9o-festival-internacional-de-curtametraxes-de-bueu

A cinta austríaca ‘Esel’ acadou a Ánfora de Prata, a neocelandesa ‘Madam Black’ obtivo o premio do público e ‘Eco’ foi a mellor galega

O filme croata ‘Piknik’ proclamouse onte gañador do 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ao facerse coa Ánfora de Ouro, na primeira edición en que os galardóns tomaban esta forma. O alcalde, Félix Juncal, fíxolle entrega do premio, dotado con 2.500 euros, a Jure Pavlovic, director desta historia sobre o choque xeracional entre un pai e un fillo separados por un centro penitenciario. “Este é un festival pequeno pero con moito corazón, onde coñecín a xente marabillosa” asegurou o cineasta, mentres que o rexedor destacou que “este proxecto nos fai sentir parte do mundo, pois actuamos en local pero pensamos en global”. O xurado salientou de ‘Piknik’ “o seu tratamento sinxelo dunha realidade complexa, facendo gala dunha aparente economía de medios coa que consegue a través de diferentes niveis de lectura un alto grao de franqueza e forza poética”.

A Ánfora de Prata, dotada con 1.000 euros, foi para a cinta austríaca ‘Esel’ (‘Burro’), e correspondeulle entregalo á presidenta da Deputación Pontevedra, Carmela Silva, quen apuntou que “a provincia necesita de xente que aposte pola cultura e polo cinema, como acontece en Bueu”. O director, Rafael Haider, lembrou que “esta é unha película sobre un burro, e por algunha razón España parece un bo lugar para ela”, engadiu. O xurado destacouna por ser “moi sólida e dunha tenrura sublime, que nos ensina a nunca desistir do amor en calquera das súas formas”. O filme narra o momento en que unha parella de anciáns debe sacrificar ao animal e tamén lle valeu á protagonista, Ingrid Burkhard, o premio á mellor actriz. “Ten 85 anos e fuma dous paquetes de tabaco ao día”, no entanto “é unha intérprete marabillosa”, dixo o realizador.

Con anterioridade, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, anunciou o agardado premio do público para a comedia neocelandesa ‘Madam Black’ (‘Señora Black’), que curiosamente tamén foi a que máis gustou na sesión para o alumnado dos colexios. Segundo o seu director, que enviou un vídeo de agradecemento, “no fondo é unha historia sobre humanidade, onde o heroe acaba facendo o correcto; creo que por iso lle gusta tanto ao público español”. A fita asinada por Iván Barge comeza cando o gato dunha nena é atropelado polo seu veciño, que se ve obrigado a inventar unha ficción para xustificar a súa desaparición.

O xurado internacional, desta volta integrado polo cineasta portugués André Marques, a actriz brasileira Joana de Verona e o realizador galego Xoan Escudero, decidiu por segunda vez en nove anos de FICBUEU outorgarlle unha mención especial á curtametraxe francesa ‘Ennemis intérieurs’ (‘Inimigos internos’), centrada no acusador interrogatorio sobre terrorismo a un inmigrante, por “tratar cun enfoque singular a cuestión de identidade e pertenza cultural a un país, pondo en evidencia as contradicións dos valores sociais franceses”. O actor Najib Oudghiri agradeceu cun “muchas gracias” en nome do equipo o galardón, que recolleu de mans de Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e concelleiro de Innovación Tecnolóxica, para quen “a clave deste festival é que foi medrando desde a base”.

‘Eco’, dirixida por Xacio Baño, foi a merecedora do premio á mellor curtametraxe galega, que ascende a 500 euros e que entregou Suso Portela como representante da Fundación Novas, patrocinadora do mesmo. A obra nace cando o actor Xosé Barato chama ao director para documentar a mudanza do fogar familiar tras a morte da nai, na que descobren unha serie de cadernos escritos por ela. Segundo o protagonista, “esta curta parte dunha necesidade moi fonda, que se non se satisfai acabaría apodrecendo, e eu non imaxino peor calvario que vivir arrepentíndose de algo”, concluíu. Os realizadores Simone Saibene e Álex Penabade integraron o xurado galego, canda José Manuel Rodríguez, do cineclub ourensán Padre Feijóo.

Os dous primeiros encargáronse de entregar boa parte dos recoñecementos artísticos e técnicos, canda Xoan Escudero e o profesor Xosé Nogueira. O premio á mellor dirección foi para a realizadora de orixe senegalés Maimouna Doucouré por ‘Maman-s’ (‘Nai-s’), que segundo comentou no vídeo de agradecemento “está inspirada na miña propia historia”, pois medrou nunha familia polígama en Francia, “e era moi importante para min amosar que este tipo de sufrimento é universal”. Si subiu varias veces ao escenario o xermano Tim Ellrich, director e coguionista de ‘Die Badewanne’ (‘A bañeira’), que recolleu o premio a mellor guión para el e Dominik Huber e o de mellor actor ex aequo para os tres protagonistas, Simon Jaritz, Rainer Wöss e Stefan Pohl, asegurando que “non foi doado para eles pasar tres días xuntos nun baño”.

Tamén a directora da cinta francesa ‘Fils du loup’ (‘Fillo do lobo’), Lola Quivoron, subiu a recoller os premios á mellor montaxe e fotografía, declarándose “orgullosa do traballo dos compañeiros”, mentres que o actor belga Felix Meyer fixo o propio co galardón á mellor música para ‘Copain’ (‘Compañeiro’). A británica ‘Edmond’ levou os premios ao mellor son e dirección artística. O de vestiario foi para ‘El adiós’, coprodución entre España e Estados Unidos, e o de maquillaxe/peiteado para a franco-belga ‘Réplique’ (‘Réplica’). A gala estivo conducida un ano máis polo actor César Aldea, coa música de Severiano Casalderrey ao piano, e contou no seu arranque cun fragmento da película ‘Milk’, en defensa dos dereitos das minorías.

Máis de 4.000 persoas pasaron desde o sábado 10 de setembro polo 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que onte contou tamén coa presenza do actor Celso Bugallo nun entretido encontro co público que permitiu coñecer a fondo ao gañador dun Goya. Asemade espectadores e cineastas compartiron senllos roteiros por mar e terra, creando así espazos para o intercambio. No entanto, o FICBUEU 2016 remata hoxe coa sección dedicada aos traballos de centros educativos, que será solidaria coa  promoción do cinema en aldeas peruanas.

Foto// Alba Sotelo-FICBUEU

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
307SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies