spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Festival Primavera do Cine en Vigo presenta a convocatoria da súa...

O Festival Primavera do Cine en Vigo presenta a convocatoria da súa VI edición

o-festival-primavera-do-cine-en-vigo-presenta-a-convocatoria-da-sua-vi-edicion

Reencanto Produccións, en colaboración co Concello de Vigo e o Instituto Camões, abre o prazo de presentación de pezas ao certame Primavera do Cine.

A sexta edición do Festival Primavera do Cine presentou as bases para concorrer ao certame, que terá lugar entre o 5 e o 14 de maio na cidade de Vigo. A A.C. Reencanto Produccións, como entidade organizadora, en colaboración co Concello de Vigo e o Instituto Camoes, manterá a súa aposta polo audiovisual galego e lusófono, consolidando así o carácter internacional da cita fílmica. Así mesmo as actividades paralelas ao festival continuarán coa vontade de orientación de servizo público, visibilizando, en palabras da organización, «proxectos de xustiza histórica e promovendo valores como a ecoloxía e a sostenibilidade, facendo posible, así, un cinema comprometido». As proxeccións terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo, como Sede principal; no Instituto Camoes e no Marco, espazo cedido pola Administración local. Existe, asemade, a posiblidade de ampliación a un cuarto esceario, pendente de confirmación. O número de pezas, das que poderá gozar o público, será dunhas cen propostas no computo global de modalidades. O período de recepción de filmes abranguerá desde o día 12 de xaneiro ata o día 21 de febreiro. As produtoras e cineastas interesados en enviar os seus traballos poden acceder ás bases e ao formulario de inscrición a través da web primaveradocine.com.

O FESTIVAL

O certame manterá, na presente edición, as súas tres categorías orixinais: curtametraxe, longametraxe e videoclip. Ademais, por segundo ano consecutivo e con intención de permanencia, o festival engadirá categorías de competición para filmes de países lusófonos. Como principal novidade, este ano o festival contará cun xurado internacional formado por profesionais do sector audiovisual que concederá o premio do xurado ás mellores longametraxes galega e lusófonas ,respectivamente . Así mesmo, a organización manterá o tradicional premio do público, outorgado mediante votación popular. Tamén de xeito pioneiro, e dada a tradición e calidade deste xénero cinematográfico, o festival promove a creación dunha sección exclusiva adicada á animación, concedéndolle un galardón propio e diferenciado.

comillasComo novidade, este ano o festival contará cun xurado de carácter internacional e cun novo galardón adicado ao xénero da animación

A modo de marco de encontro e con obxectivo de dotar de contido ao festival, a organización ten programadas unha serie de actividades paralelas. Entre elas destaca unha homenaxe ás Xornadas de cinema desenvolvidas desde 1984 no Carballiño, denominadas XOCIVIGA e consideradas como pioneiras do audiovisual galego moderno. A idea da iniciativa é reflexionar sobre o paradigma e as tendencias do sector na actualidade, recuperando o espírito deses encontros e servindo de pulo ao cinema galego. Como efeméride do 120 aniversario da primeira proxección audiovisual na cidade de Vigo, no teatro-circo Tamberlic o 29 de abril de 1897, está prevista unha rememoración desa cita na que Vigo «respirou cine», exercendo deste xeito unha labor de salvagarda histórica. Esta edición manterá a tradicional actividade, Cine miúdo, orientada a escolares de Educación Primaria para que asistan a cinema clásico musicalizado pola agrupación viguesa, Trío Caspervek. Destacando a importancia da área lusófona, o certame seleccionará un país da cinematografía así coma unha escolma de películas que visibilicen novas propostas. Resulta fundamental, na presente convocatoria, a vontade de implicación da área académica e estudantil para dar a coñecer á canteira e futuro do sector. Para rematar, o Marco de Vigo acollerá unha sesión vermú de cinema e concerto, que o ano pasado gozou de grande aceptación entre os asistentes.

- Publicidade -spot_img