O festival Música no Claustro regresa cun cartel de reencontros coa música e o patrimonio na catedral de Tui

Música no claustro 2018No claustro da Catedral de Tui presentouse onte a XIII edición do festival Música no claustro que tras o ano de pausa debido ás obras na Catedral, acollerá do 4 ao 10 de agosto a edición de maior envergadura e internacionalidade dos trece anos de vida.

O acto contou coa participación de Don José Diéguez Dieppa, deán da Catedral de Tui. Anxo Lorenzo, secretario xeral de cultura da Xunta de Galicia. Eduardo Freiría, concelleiro de cultura e Carlos Vázquez Padín, alcalde do Concello de Tui. Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, e Samuel Diz, director artístico de Música no claustro..

Música no claustro regresa á catedral de Tui e faino coa edición de maior envergadura e internacionalidade do festival, deseñado e coordinado por Samuel Diz. Durante sete días, do sábado 4 ao venres 10 de agosto, a programación ofrecerá reencontros coa música, co patrimonio e coa creación, aos que se suma o concerto de presentación realizado o pasado 14 de xuño no Museo Nacional de Escultura.
Músicas renacentistas, barrocas, contemporáneas, jazz e poesía, conforman un programa deseñado por Samuel Diz nunha aposta clara pola calidade e diversidade artística
Esta edición con dobre sede, pon a atención no nome propio de Diego de Avellaneda, bispo de Tui durante preto dunha década no século XVI e arredor do que se articula un programa narrativo de catro concertos de primeiro nivel con músicas renacentistas, barrocas, contemporáneas e jazz, aos que se engaden un obradoiro e unha conferencia de imaxinería castelá, sete percorridos arquitectónicos nocturnos e a conversa inaugural o sábado 4 de agosto con María Bolaños, directora do Museo Nacional de Escultura, seguido do concerto de Álterum Cor.

Música en diálogo co patrimonio. “Música no claustro continúa a medrar e a innovar con cada edición, cun programa musical en diálogo co patrimonio que reforza a calidade da axenda cultural galega no verán”. “O festival pon en valor a riqueza do patrimonio histórico da catedral de Tui, ao tempo que permite gozar dunha programación musical aberta a todos os públicos e que se converte nun importante reclamo para visitar un municipio que conta cun valioso legado cultural”.

A programación de Música no claustro complétase con catro concertos de música de calmara, jazz, blues e soul, que inclúen a presentación do novo disco de Eva Fernández, o debut en Galicia da cantante africana Tina Masawi, a música de cámara do Kebyart Ensemble ou o renovado ciclo de novos intérpretes dedicado a estudantes galegos, co percusionista Carlos Puga, a violoncellista Julia Caro, a acordeonista Noelia González e o quinteto de metais EntreRías. Mentres, Yolanda Castaño será a encargada de achegarlle ao festival a palabra poética galega contemporánea.

A figura de Diego de Avellaneda, bispo de Tui no século XVI, vertebra unha programación compartida co Museo Nacional de Escultura de Valladolid

O sábado 4 de agosto, na primeira xornada do festival no seu espazo habitual da catedral de Tui, o público descubrirá a intrahistoria do sepulcro de Diego de Avellaneda e a súa chegada ao Museo Nacional de Escultura con María Bolaños, directora do Museo Nacional de Escultura. Unha conversa amena e pedagóxica seguida do concerto de polifonía sacra do Renacemento europeo As músicas na época de Diego de Avellaneda, do Álterum Cor, formación coral residente do propio museo.

O domingo 5 de agosto será a estrea do novo proxecto musical 13 cancións bonitas, do zanfonista Germán Díaz e o oboísta Benxamín Otero. Os catro concertos deste programa narrativo #DiegodeAvellaneda complétanse o martes 7 de agosto coa presentación do disco Pajarillos fugitivos, do cantante e laudista arxentino Jonatan Alvarado.

Froito do carácter interdisciplinar do festival, o artesán Miguel Ángel Tapia trasladará o seu obradoiro, desde Valladolid ao claustro gótico da Catedral de Tui, para impartir un curso de imaxinería castelá, que nace da colaboración entre a Fundación Pública Artesanía de Galicia e Cearcal e o Centro Regional de Artesanía de Castela e León. Ademais do obradoiro, que xa ten as prazas cubertas, o martes 7 de agosto ás 20:15 horas, Tapia impartirá unha conferencia de acceso libre.

Sete noites de acceso libre que comezan ás 21.30 h no claustro gótico de Tui con novas promesas e artistas de renome procedentes de África, Centro Europa, Latinoamérica, Galicia e outros puntos de España e que rematan cada noite no ambigú do xardín de palacio da Catedral.

A programación de Música no claustro complétase cos tradicionais percorridos nocturnos pola catedral despois de cada concerto, da man do historiador tudense Suso Vila, que achegarán o legado arquitectónico e obxectos persoais de Diego de Avellaneda. A capacidade é de 20 persoas por noite, con inscrición previa en contacto@musicanoclaustro.com

Como novidade nesta décimo terceira edición e no marco do compromiso social do festival, o programa #DiegodeAvellaneda complétase coa actividade Caricias en braille, en colaboración coa ONCE, que constitúe unha experiencia única de vivir a escultura da catedral de Tui a través do tacto, adaptada a persoas con discapacidade visual.

Para saber máis: www.musicanoclaustro.com

 

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies