O festival de Bueu ‘SonRías Baixas’, tamén aposta pola igualdade e o medio ambiente

O festival de Bueu 'SonRías Baixas', tamén aposta pola igualdade e o medio ambienteOs deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez e Xosé Leal presentaron onte o festival SonRías Baixas de Bueu, integrado nos #RiasBaixasFests, que terá lugar entre o 2 e 4 de agosto na vila do Morrazo.

Durante o acto, no que actuaron os grupos “Vodoo” e “Dakidarría”, adiantouse a ampla variedade de concertos, actividades para nenas e nenos e a completa oferta gastronómica do festival que, este ano, espera acadar altas cotas de visitantes.

Para o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, o SonRías Baixas trátase “de algo máis que un festival musical: falamos dun punto de encontro da cidadanía nunha contorna marabillosa e dun evento feito con moito mimo para que todas as persoas que acudan a Bueu repitan”. Rodríguez destacou sobre o festival a súa capacidade para dinamizar o desenvolvemento económico do Morrazo e impulsar o emprego.

Santos Héctor Rodríguez puxo tamén en valor as campañas transversais que a Deputación de Pontevedra vai desenvolver durante o SonRías Baixas. Neste eido, o deputado de Turismo adiantou que “durante o festival imos promover “Somos historias, somos sostibles”, que vai impulsar a recollida de cabichas para mellorar o noso entorno, e tamén “Conta comigo, eu respéctote” para implicar aos homes no compromiso coa igualdade. Creo que é moi importante que todas e todos nos impliquemos”.

Amais, segundo subliñou o deputado de Turismo, desde a Deputación de Pontevedra estase a apostar polo SonRías que, xunto a outros seis festivais da provincia, forma parte desde fai tres anos dos #RiasBAixasFests, “unha marca que manifesta o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura, coa música e tamén pola integración baixo unha mesma denominación de sete grandes eventos que permiten promocionarnos e posicionarnos a nivel nacional e internacional”.

Pola súa banda, o deputado de Cultura destacou a evolución de SonRías Baixas, “que empezou sendo un festival pequeno, para a xente de Bueu, e foi medrando ao longo dos anos ata converterse nun dos eventos máis importantes do verán da vila”. Xosé Leal subliñou a importancia do festival para a cultura e o encaixe “perfecto coa filosofía que defendemos, na que o respecto pola igualdade, polo Medio Ambiente e pola convivencia entre xeracións é fundamental”.

O SonRías Baixas comeza este xoves, 2 de agosto, co concerto dos italianos “Talco” e co rap, música electrónica e ska de “Revolta Permanente” e “Assekes”. O venres terán lugar os concertos de grupos galegos, valencianos e latinoamericanos como “La Raiz”, “Desakato”, “Sara Hebe”, “Che Sudaka” e “Terbutalina”. Xa para rematar o festival, o sábado concentraranse en Bueu grupos como “Berri Txarrak”, “Gatillazo”, “Muchachito”, “The Skarnivals” e “Muerdo”.

Xunto á actividade musical, SonRías Baixas celébrase nun entorno privilexiado, a carón de praias e rodeado de natureza, achegando amais ás persoas que visitan Bueu tamén unha ampla oferta gastronómica e actividades para nenas e nenos.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies