Inicio Galicia O Festival de Jazz de Lugo celebra o seu 25º aniversario con...

O Festival de Jazz de Lugo celebra o seu 25º aniversario con máis de 30 citas culturais en novembro arredor deste xénero musical

Festival-Jazz-Lugo-celebra-seu-25-aniversario-máis-30-citas-culturais-novembro-arredor-deste-xénero-musicalA organización do Festival de Jazz de Lugo presentou hoxe en rolda de prensa o programa da súa vixésimo quinta edición, que se desenvolverá do 7 ao 30 de novembro en catro espazos da cidade. Serán máis de trinta as citas culturais (concertos, proxeccións e unha exposición fotográfica), pensadas non só para os amantes deste xénero musical, senón tamén para lle achegar o jazz ao público neófito.

O Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes, o pub Ho! Gruf e a Casa do Saber da Universidade de Santiago serán as sedes deste evento musical que, baixo a organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, reunirá en Lugo grandes figuras a nivel internacional e estatal, así como recoñecidas formacións do panorama jazzístico galego.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os organizadores na presentación do programa que prepararon para a conmemoración do 25º aniversario do festival. Interviñeron tamén Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo; Carmen Basadre, concelleira de Cultura; Santiago Miguélez, director de Marketing de Hijos de Rivera; e Alberto Grandío e José Luis Díaz, en nome de Escobijazz.

Gran afección en Galicia
Jacobo Sutil destacou precisamente a traxectoria dun festival que dá conta da gran afección a este xénero musical en Galicia, ademais do bo nivel do jazz feito na nosa Comunidade. “E por isto —continuou— que a Agadic apoiou as pasadas edicións do encontro; a do ano anterior a través da última convocatoria de subvencións para festivais de música, da que se beneficiaron tamén outros once eventos celebrados por toda a xeografía galega”.

Na carteleira deste ano sobresaen, entre outras, as actuacións que ofrecerán as formacións dos saxofonistas Rudresh Mahanthappa (10 de novembro) e Ernie Watts (día 12), o guitarrista francés de orixe vietnamita Nguyên Lê (día 13), Jeff Lorber Fusion (día 14), o grupo nórdico Atomic (día 14) e o cantante José James (día 15).

Entre as citas destacadas atopamos tamén un concerto de Natalia Dicenta (día 9), moi coñecida pola súa faceta como actriz, pero tamén gran intérprete de jazz; ou a estrea de ‘Triangle & Square’, obra encargada pola organización ao guitarrista e compositor Marcos Pin e que será interpretada por catro guitarras, unha formación nada usual no ámbito jazzístico.

Así mesmo, o XXV Festival de Jazz de Lugo será o marco do concerto de conmemoración do XV aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade, para o que se contará con Elisabet Raspall & Clara Luna e Carmen Souza & Theo Pascal.

Unha exposición fotográfica sobre estes 25 anos de traxectoria do encontro, o ciclo de proxeccións Cine Documenta Jazz e a Festa do Jazz que terá lugar na praza do Campo Castelo son algunhas das actividades paralelas incluídas na programación que, como en anos anteriores, acollerá tamén diferentes sesións didácticas co obxectivo de impulsar a divulgación deste xénero musical.

O programa completo e a información sobre os diferentes sistemas de venda de entradas para cada un dos espazos está xa dispoñible no web www.jazzlugo.com.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
284SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies