spot_img
InicioO SalnésO Encontro de Vilas Termais celebra na Illa da Toxa a súa...

O Encontro de Vilas Termais celebra na Illa da Toxa a súa décimo primeira edición

O Encontro de Vilas Termais celebra na Illa da Toxa a súa décimo primeira ediciónA directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte na inauguración de “Enviter”, o XI Encontro de Vilas Termais, que acolle a Illa da Toxa desde hoxe ata o próximo sábado 25 de outubro

A iniciativa, impulsada pola Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais, reunirá en Galicia decenas de expertos e representantes de empresas e dos concellos que teñen o privilexio de contar con este recurso natural

A directora de Turismo de Galicia destacou que o termalismo constitúe en Galicia un dos elementos con maior potencialidade para crear experiencias turísticas singulares e xerar novos fluxos e evitar a estacionalidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde na inauguración de “Enviter”, o XI Encontro de Vilas Termais, que acolle a Illa da Toxa desde hoxe ata o próximo sábado 25 de outubro. O acto contou tamén coa presenza do alcalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez, e a presidenta de Vilas Termais, Mª del Carmen Yáñez.

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais, a cal está composta por 81 municipios que representan a máis de 1,5 millóns de habitantes e que pertence á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), da que forman parte localidades como O Grove ou Catoira.

O encontro, que reunirá en Galicia decenas de expertos e representantes de empresas e dos concellos que teñen o privilexio de contar con este recurso natural, ten como obxectivo analizar carencias, demandas e plans de futuro, tratando así de encauzar unha estratexia de promoción conxunta.

Na súa intervención a directora de Turismo de Galicia sinalou o gran potencial de Galicia como destino termal. Neste senso, Nava Castro, destacou os 300 mananciais cos que conta Galicia – un por cada 10.000 habitantes-, as súas augas, as más quentes de Europa en canto a temperatura máxima acadada, e a súa infraestrutura moderna e diversificada cun total de 21 balnearios.

Estes 21 centros de balneoterapia ofertan en Galicia case tres mil prazas de aloxamento e aportan clientes a outras mil prazas hoteleiras situadas na contorna dos establecementos termais.

Galicia ocupa a primeira posición de España en canto a número de establecementos balnearios distinguido coa Q de Calidade Turística, afincando no seu territorio o 22,2% deles.

O volume de negocio destes establecementos está en torno aos 60 millóns de euros e xeran 1.400 empregos directos.

Por tanto, tal e como afirmou a directora de Turismo de Galicia, “o termalismo constitúe en Galicia un dos elementos con maior potencialidade para crear experiencias turísticas singulares e xerar novos fluxos e evitar a estacionalidade”.

En esta décimo primera edición, o Encontro de Vilas Termais inclúe, entre outras actividades, unha sesión de traballo sobre planificación e desenvolvemento das vilas termais, un taller sobre “A xestión turística dunha vila termal; innovación, sostenibilidade e novas tecnoloxías”, mesas de traballo como a centrada nas políticas públicas e instrumentos de apoio ao desenvolvemento sostible das vilas termais, o relatorio “Saber adaptarnos ao noso cliente internacional: o mercado alemán”, etc.

Un plan específico para consolidar Galicia como destino termal
Nava Castro, destacou durante a inauguración, que Turismo de Galicia conta cun plan específico de termalismo na nosa comunidade, integrado no Plan Integral de Turismo, co obxectivo de fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e consolidar e posicionar Galicia como destino termal global.

Tal e como explicou a directora galega de Turismo, este plan foi articulado coa participación dos axentes máis relevantes do sector e a colaboración de todas as administracións e organismos públicos implicados.

Dito Plan conta con cinco liñas estratéxicas relacionadas coa planificación, as infraestruturas, os produtos termais, o coñecemento e a promoción termal. “Preténdese aproveitar as magníficas propiedades que nos proporciona este recurso endóxeno e poñer en valor os balnearios e as vilas termais da nosa comunidade”, explicou Nava Castro.

- Publicidade -spot_img