Inicio Galicia O director da Agadic destaca as artes escénicas como un ámbito punteiro...

O director da Agadic destaca as artes escénicas como un ámbito punteiro no intercambio cultural con Portugal

Galicia-director-Agadic-destaca-artes-escénicas-ámbito-punteiro-intercambio-cultural-PortugalO director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as artes escénicas como un ámbito punteiro no intercambio cultural entre Galicia e Portugal e apostou por seguir impulsando as relacións transfronteirizas para a creación de proxectos comúns.

Na xornada de apertura en Lisboa do ciclo ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’, incidiu na importancia de que o principal teatro público portugués representase por vez primeira a obra dun autor galego

Así o asegurou na xornada de apertura do ciclo ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’, que se desenvolve no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa (TNDMII) os días 12, 19 e 26 de maio. No marco da mesa redonda ‘Galicia-Portugal, culturas en diálogo’, Jacobo Sutil tamén salientou as frutíferas experiencias de colaboración que, neste sentido, está a levar a cabo o Centro Dramático Galego (CDG).

De feito, o ciclo de actividades promovido na capital portuguesa pola Secretaría Xeral de Cultura enmárcase na estrea, o pasado día 7, da versión lusa da obra ‘Saxo tenor’, de Roberto Vidal Bolaño, o primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público portugués, que continúa a representarse na sala Garrett do D. Maria ata o 24 de maio. Este fito foi posible polo acordo para o intercambio de obras de autoría galega e portuguesa para incorporar aos repertorios do CDG e do TNDII, en virtude do que a compañía galega produciu e está a distribuír na actualidade ‘Xardín suspenso’, orixinal do autor portugués Abel Neves e con dirección de escena de Cándido Pazó. A versión galega de ‘Xardín suspenso’ representarase tamén diante do público lisboeta do 28 ao 31 de maio.

Outras iniciativas, outros puntos de contacto
O achegamento de Galicia á escena do país veciño comprende, así mesmo, outras iniciativas, tales como o proxecto ‘Nós. Territorio (Es)Cénico Portugal-Galicia’, unha experiencia que se desenvolverá ata 2016 co obxectivo de fundar un espazo común de traballo entre os estudantes das escolas superiores de teatro de Galicia e de Portugal, ou a atención especial que se lle dedica na carteleira do Salón Teatro de Santiago á actualidade escénica portuguesa, coa recente presenza de formacións como a Companhia de Teatro de Braga, Teatro Bruto, o Teatro de Almada ou a plataforma PELE e Grupo de Teatro de Surdos do Porto, entre outras.

Polo demais, ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’ está a procurar novos puntos de contacto entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro.

Mesa redonda, poesía e cine
A programación, que inclúe tres xornadas, arrancou coa mesa redonda de onte á tarde, na que recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia reflexionaron sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. Xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tamén participaron a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; o director do ‘Jornal de Letras’, José Carlos Vasconcelos, e o subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego, que actuou de moderador.

O martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uniranse no recital poético ‘Voces compartidas’, da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa portuguesa Maria João Cantinho. A xornada continuará cun concerto a cargo do compositor galego Xoán Curiel, acompañado polo músico brasileiro Sérgio Tannus.

O ciclo pechará o día 26 coa proxección do filme ‘Doentes’, de Gustavo Balza, baseada na obra homónima de Roberto Vidal Bolaño. O director do CDG será o encargado de presentarlle ao público a figura do dramaturgo galego.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
284SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies