Nigrán celebrará o Día das Letras Galegas cun día maratoniano cheo de deporte, cultura e lecer infantil ao longo de toda a xornada do próximo domingo.
A XVII Festa da Bici dará o pistoletazo de saída, que convoca aos veciños de Nigrán ás 10.00 horas na Praza do Concello, para saír dirección Baiona, anfitrioa desta edición da festividade miñorana.
Feira local de artesanía
A esta programación súmase I Feira Local de Artesanía, que se instalará os días 16 e 17 de maio na Praza do Concello o sábado a partir das 17.00 horas e o domingo todo o día, unha mostra de produtos artesanais elaborados por veciñas do municipio.
A cultura chegará a medio día (12.00 horas) ao Salón de Actos Municipal, cun concerto de música tradicional galega e leonesa, que contará coa participación do grupo de pandereteiras A Buxaina e o grupo da Escola de Folclore do Concello de León.
A partir das 17.00 horas, a Praza do Concello transformarase unha vez máis nun espazo de lecer para os máis pequenos, coa celebración dunha festa infantil na que haberá inchables, xogos xigantes tradicionais e unha batucada a cargo da banda “Trópico de Grelos”. A Coral Polifónica Novos Aires Nigrán pechará a xornada, cunha actuación ás 20.00 horas no Salón de Actos Municipal
.



