·Publicidade ·spot_img
InicioO MorrazoO Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto de expropiacións para...

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto de expropiacións para converter o corredor do Morrazo en autovía

Xunta-decreto-iniciar-expropiatorio-trazado-desdobramento-Corredor-MorrazoO Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto de urxente ocupación que permitirá iniciar o trámite expropiatorio en todo o trazado do corredor do Morrazo para o seu desdobramento e conversión en autovía. Estímase que as expropiacións terán un importe total de 1,1 millóns de euros para un total de 105 predios afectados, cunha superficie de 101.315 m2..

O desdobramento previsto dos 11 km de corredor efectuarase mediante a construción máis eficiente posible, evitando o seu desenvolvemento polas zonas máis inaccesibles, razón pola que as citadas expropiacións son necesarias.

Con este decreto, a Xunta avanza no seu obxectivo de converter o corredor do Morrazo en autovía, ao tempo que representa un novo paso no compromiso do Goberno galego de licitar, contratar e iniciar as obras de desdobramento do corredor do Morrazo neste 2015. Concretamente a licitación poderá levarse a cabo na primavera.

O trazado da futura autovía ten unha lonxitude de 11 km e parte dos terreos necesarios xa se afectou cando se construíu o corredor

A conversión do corredor do Morrazo en autovía reducirá os problemas de capacidade de infraestrutura actual, redundará en maior seguridade viaria, favorecerá a mobilidade e mellorará a vertebración e a estrutura territorial de comunicacións da comarca do Morrazo co eixe atlántico. Trátase, polo tanto, dunha actuación que procura mellorar a calidade de vida dos veciños e favorecer a actividade económica desta comarca do Morrazo.

Co fin de facer viable esta actuación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiu dividir a actuación en tres subtreitos. Actualmente estanse a rematar os proxectos construtivos do segundo e do terceiro tramo. O proxecto correspondente ao primeiro deles, o que une Rande-Domaio, está rematado, e recolle a conversión en autovía do actual corredor ao longo de arredor de 3 quilómetros de lonxitude.
Neste percorrido destacan tres infraestruturas principais:

• Viaduto de enlace de Rande, de 73 metros.
• Viaduto da Moura, de máis de 400 metros.
• E o túnel de Montealegre, de 133 metros.

A construción deste primeiro subtreito do desdobramento contará cun investimento de máis de 20 millóns de euros (incluídas expropiacións e servizos afectados).

O proxecto construtivo desenvolve o trazado aprobado en 2013, que respecto ao licitado anteriormente recolle, entre outros, axustes de deseño en planta e en alzado para minimizar no posible os movementos de terras. A finalidade é definir unha solución máis optimizada, mais sinxela e equilibrada e de menor impacto, mantendo a máxima funcionalidade.
Así, mentres o proxecto inicial prevía neste treito a duplicación da calzada na súa totalidade pola marxe dereita do actual corredor, a nova solución recolle a duplicación pola marxe esquerda (lado da ría), aproximadamente ata o p.q. 1+600, e pola marxe dereita (lado do monte) desde ese punto.

Para a definición do trazado da vía e das estruturas, e dada a complexidade da orografía da zona, realizáronse mais de 100 ensaios xeotécnicos (sondaxes, catas, ensaios de penetración dinámica, etc…) que permitiron a caracterización do terreo. Estes ensaios posibilitarán, ademais, que as obras se executen reaproveitando os materias existentes na maior medida posible, minimizando deste xeito o impacto da actuación.

 

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies