
A iniciativa “O Concello Escoita” pretende, ademais de informar sobre proxectos que se están a executar, coñecer mellor as necesidades de cada parroquia e tomar nota das propostas veciñais
Continuando coa política de participación cidadá e implicación social promovida dende o Concello de Tomiño, e tras o éxito de participación obtido nas anteriores edicións, o goberno local retoma, a actividade “O Concello Escoita”, unha rolda intensiva de xuntanzas informativas polas parroquias do municipio, que comeza mañá, martes 21 de marzo, e na que os representantes do goberno local escoitarán as necesidades e propostas dos cidadáns, informando sobre as obras e proxectos levados a cabo no presente ano.
Logo da presentación da iniciativa e a exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, tal coma as partidas dos orzamentos municipais (gastos e ingresos, proxectos e investimentos previstos, etc.), os responsables do goberno, escoitarán as dúbidas e consultas dos veciños e veciñas, sobre aspectos relativos á parroquia e ao municipio en xeral.
“O goberno local entende que a participación política é unha das prioridades. Queremos un concello dinámico e vivo onde todos e todas esteamos implicados no seu funcionamento, aportemos solucións e coñezamos a súa realidade como administración máis próxima á veciñanza”, explica a alcaldesa, quen agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos.
Segundo o calendario de visitas, estas comezan mañá martes, 21 de marzo, en Piñeiro (Casa Cultural, 20.00 hs.) e Sobrada (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.).
Seguirán o mércores 22 de marzo en Estás (Centro Social, 20.00 hs.) e Figueiró (Centro Cultural, 21.30 hs.); xoves 23 de marzo, en Vilameán (Centro Social, 20.00 hs.) e Santa M.ª de Tebra (Centro Cultural, 21.30 hs.); luns 27 de marzo, en Amorín (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Currás (Casa da Comunidade de Montes. 21.30 hs.); martes 28 de marzo, en San Salvador de Tebra (Centro Social. 20.00 hs.) e Taborda (Unión del Porvenir. 21.30 hs.); mércores 29 de marzo, en Forcadela (Casa dos Mestres. 20.00 hs.); xoves 30 de marzo, en Pinzás (Centro Social. 20.00 hs.) e Barrantes (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.); luns 3 de abril, en Tomiño (Casa da Cultura. 20.00 hs.) e martes 4 de abril, en Goián (Centro Goianés. 20.00 hs.).



