spot_img
InicioVal MiñorNigránO Concello de Nigrán quere facer unha exposición con fotos antigas nas...

O Concello de Nigrán quere facer unha exposición con fotos antigas nas que a muller sexa a protagonista

O obxectivo é recompilar ata o 31 de marzo imaxes antigas de mulleres de Nigrán para organizar unha exposición que as visibilice 

O Concello de Nigrán arranca xa a súa programación especial do 8 de marzo facendo un chamamento á veciñanza para que envíe fotos ao consistorio anteriores a 1970 nas que as protagonistas sexan mulleres do municipio. O obxectivo do goberno local é visibilizar e por en valor o papel esencial da muller de Nigrán organizando posteriormente unha exposición con todo o material recompilado. O único requirimento é que sexan fotos de mulleres de Nigrán, anteriores a 1970, e que a muller sexa a protagonista (traballando, en momentos de ocio ou lecer, coa familia, amigas… en calquera faceta). As imaxes poden enviarse por mensaxe privada ao facebook ConcelloDeNigrán ou ao correo comunicacion@nigran.org indicando os datos de que se dispoñan (nome da muller/es, data e lugar da foto e actividade que está a realizar) ou ben acudindo coa mesma á Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (de 9:00 a 14:00 horas) para que sexa escaneada e entregada ao propietario no momento.

O Concello facilitará a tódolos participantes unha ficha na que figurará: data de entrega das fotografías, datos persoais de quen as entrega, nome, dirección e teléfono de contacto, a relación detallada das fotografías cun pequeno texto que permita a localización, datas aproximadas e comprensión da mesma.

Esta actividade non é un concurso, polo que as fotos non compiten. No caso de que o número de fotografías exceda a capacidade do recinto de exposicións farase unha selección en base á antigüidade ou calidade das mesmas.

O Concello de Nigrán ten preparados xa máis actos en relación ao 8 de Marzo que serán presentados próximamente.

- Publicidade -spot_img