Inicio Pontevedra Baixo Miño A Xunta elixe Tomiño para pechar o programa “21 días co galego...

A Xunta elixe Tomiño para pechar o programa “21 días co galego e +”

O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística e do presidente da Real Academia Galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística escolleu Tomiño para pechar a campaña “21 días co galego e +”, un programa impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, que ten como finalidade promover o uso do galego oral entre a xente nova, e no que participaron so catro institutos de ensino secundario de Galicia, entre eles, o de Tomiño.

O acto celebrouse na tarde de onte e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; a coordinadora do programa, Pilar Ponte; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; Margarita Sanz e Iria Muñoz, directora e alumna do IES Antón Alonso Ríos. Asemade, asistiron alumnado e profesorado do IES tomiñés dos cursos participantes e membros das Anpas e da comunidade educativa da provincia e da vila.

A cantante tomiñesa Andrea Pousa interpretou varias cancións ao final do acto, acompañada por varios músicos.

O presidente da RAG explicou na súa intervención, que o instituto de Tomiño era, na súa opinión, o lugar ideal para pechar a campaña, por tratarse dun centro situado no rural, “con conciencia do seu, sen complexos e que aposta e cre no futuro. Un instituto coma este representa para min o que me gustaría que fose o noso País”, asegurou.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradeceu a presenza de todos os asistentes ao acto e participantes, asegurando que “é un orgullo que o IES Antón Alonso Ríos se converta no mellor embaixador da defensa da lingua galega”, lembrando a figura de Alonso Ríos nesta mesma liña e cualificando de xenial unha frase deste persoeiro, “Ningún galego é malo, só aquel que non se fala”, recollida nun dos vídeos realizados polo alumnado tomiñés, que superou, por certo, as 18.000 visitas en internet (https://www.facebook.com/iesantonalonsorios).

O secretario xeral de Política Lingüística explicou que o programa busca que os adolescentes falen máis o galego e perfeccionen o seu uso dentro e fóra dos centros educativos, pero tamén que analicen a súa relación coas linguas que coñecen, sendo conscientes da riqueza que significa poder falar varias linguas.

A iniciativa ten a súa orixe en21 días co galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte. Desde entón, desenvolvéronse cinco edicións máis deste proxecto que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Agora, a Secretaría quixo dar un paso máis con esta experiencia e exportala a outros centros educativos. Para iso, puxo en marcha o programa 21 días co galego e + en catro institutos de Galicia:

  • O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela
  • O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño
  • O IES Otero Pedrayo de Ourense
  • O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos

Nesta edición participan 95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, de bacharelato e de FP con idades comprendidas entre os 2 e os 18 anos. Estes comprometéronse a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas; e así o fixeron entre o 14 de xaneiro até o 3 de febreiro de 2019.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

32FansGóstame
260SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies