O Concello de Nigrán participa por vez primeira na ‘Red de gobiernos locales+Biodiversidad’ a través do seu edil de Medio Ambiente, Diego García, que asistiu onte na sede da FEMP (Madrid) a súa ‘VII Asamblea’,onde os representantes políticos das entidades locais adheridas decidirán os proxectos e actuacións que a Red abordará durante 2018.
Posteriormente, o concelleiro asistirá á xornada ‘Especies Exóticas Invasoras: riesgo para la biodiversidad’, onde diferentes expertos de todo o país avaliarán a ameaza que supoñen no seu conxunto e as diferentes estratexias para combatelas. Concretamente, de flora analizaranse polo miúdo os casos da herba da Pampa, o ailanto e pirixel xigante e, de fauna, as cotorras e a avespa asiática. “O Concello de Nigrán, coma todos, non é alleo a este problema, de feito loitamos fortemente coa presenza da vespa velutina repartindo trampas entre a veciñanza e retirando niños e mesmo organizamos numerosas xornadas de retirada de flora invasora do sistema dunar de Panxón-Praia América”, explica Diego García.
A Red de Gobiernos Locales +Biodiversidade ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos Gobernos Locais españois, a adopción de políticas, plans e programas en materia da conservación e o fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da conectividade ecolóxica e a salvagarda dos ecosistemas.



