spot_img
InicioVal MiñorNigránO Concello de Nigrán inaugura no Centro Comercial Ramallosa a exposición fotográfica...

O Concello de Nigrán inaugura no Centro Comercial Ramallosa a exposición fotográfica “Mulleres de Nigrán – 1970”

O Concello de Nigrán inaugura no Centro Comercial Ramallosa a exposición fotográfica Mulleres de Nigrán - 1970A mostra permanecerá aberta durante todo o mes de marzo. Trátase dunha escolma de 150 imaxes recompiladas polo Concello entre a propia veciñanza durante case un ano.

O Concello de Nigrán estreou hoxe no Centro Comercial Ramallosa S.XXI con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller, a mostra fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’, unha exposición propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas e que o Centro de Información á Muller (CIM) quixo recuperar ao estar no 2020 só unha semana aberta ao público por cuestións sanitarias. Nesta ocasión trasládase a esta ubicación cunha  nova montaxe realizada polos alumnos traballadores do CEE Juan María  (tamén autores dos marcos das fotos) co  dobre obxectivo de facilitar a súa visita grazas á súa amplitude horaria e, ao mesmo tempo, contribuír a dinamizar este núcleo comercial de Nigrán.

A mostra é unha escolma de 150 fotografías nas que os asistentes poden ver a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio homenaxea.

“Reivindica ás mulleres silenciadas, secularmente ignoradas pese a ser artífices do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio e, en esencia, de toda a Humanidade”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que, co obxectivo de fixar esta memoria e que permaneza, o Concello editou o seu correspondente catálogo, que tamén se pode consultar online desde a web municipal.

O Centro Comercial da Ramallosa acolle a re-estrea da exposición fotográfica “Mulleres de Nigrán – 1970”

“Lanzamos unha petición á veciñanza no 2019 para aportar imaxes e  recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados; esta é unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma…”, explica María Villar, xornalista do Concello responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico.

“Son imaxes espectaculares, que sorprenden e emocionan á maioría dos asistentes porque significan unha viaxe a nosa historia máis recente e invisible da man de mulleres fundamentais nas vidas de todos nos e, por suposto, do municipio”, resume a concelleira de Igualdade, Patricia Diego.

- Publicidade -spot_img