Participan Leni Pérez e Roberto Comesaña; o Cego de Matamá e Aldariña de Candeán e o Mago Teto, todo amenizado coa música da Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios
O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares celebran este sábado a partir das 18:00 no Auditorio Municipal a gran gala cultura ‘No Camiño das Artes’. Na mesma entregaranse os premios do concurso escolar de escrita ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’ , con 27 propostas presentadas (non se presentou ninguén ao concurso fotográfico). O evento, con entrada de balde ata completar aforo, reúne á folclorista galega Leni Pérez xunto ao acordeonista de Priegue Roberto Comesaña; o ‘Cego de Matamá e Aldariña de Candeán’ e ao Mago Teto, todo amenizado coa música da Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios dirixida por María García Bustos.
Concello e Fundación Carlos Casares volven a camiñar da man para homenaxear a un dos veciños máis ilustres de Nigrán, Carlos Casares, e promover ao autor entre a mocidade.
“O obxectivo é honrar a memoria dun dos nosos veciños máis ilustres e queridos. Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinala o rexedor, Juan González, quen aposta por manter estes certames de xeito anual.
“Pretendemos perpetuar máis se cabe o seu legado, facendo entre outras cousas caso dunha das moitas reflexións que nos deixou cando dixo aquelo de que “as cousas da mente, comezando pola lectura, hai que cultivalas para que non enferruxen”. Non debemos esquecer que os valores e hábitos relacionados coa cultura deben ocupar un relevante espazo nos inicios e etapas medias do período formativo dos alumnados (primaria e ESO), posto que co desenrolo dos mesmos o seu crecemento educacional resultará favorecido”, sinalan pola súa banda desde a Fundación Carlos Casares.