spot_img
InicioGaliciaA Real Academia Galega colabora na celebración do festival que lembra a...

A Real Academia Galega colabora na celebración do festival que lembra a Vicente Risco nos sesenta anos do seu pasamento

A Fundación Vicente Risco está a celebrar estes días en Ourense, Allariz e Castro Caldelas o Risco Fest, un festival para conmemorar a figura de Vicente Risco nos sesenta anos da súa “partida cara ao alén” con música, poesía, obradoiros e conferencias

Revista COUSAS DE Nº17

A Real Academia Galega colabora na iniciativa, no marco da cal se inclúe a reedición facsimilar do discurso de ingreso na RAG do autor ourensán, Un caso de lycantropía (o home-lobo), coa que se agasallará o público asistente ao saúdo a Risco no cemiterio allaricense de Vilanova que terá lugar o propio día do cabodano, este domingo, 30 de abril, ás 12:30 horas.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, asina a presentación da reedición do texto que Risco leu o 23 de febreiro de 1929, ao que lle deu resposta en nome da RAG Ramón Cabanillas. O discurso editouse por primeira vez en 1971, volveu ser levado ao prelo pola fundación do escritor nos cincuenta anos do seu pasamento e poderá lerse de novo en papel nesta nova publicación non venal coa colaboración da Academia. “Con esta edición queremos poñer á disposición do público de hoxe un texto que merece ser lido e coñecido, coma toda a súa inmensa e profunda obra, para que Vicente Risco, sesenta anos despois da súa morte, viva en nós, na nosa patria, na nosa fala e na nosa cultura, que axudou a construír e que ten como reto medrar grazas, en gran medida, ao valor da súas achegas que aínda están por (re)descubrir”, salienta Víctor F. Freixanes no limiar.

O saúdo a Risco no camposanto consistirá na lectura pública da Autobiografía confidencial do homenaxeado, na que Víctor F. Freixanes participará canda representantes doutras institucións. Juan Vázquez encargarase do acompañamento musical da homenaxe, que abrirá a presidenta da Fundación Vicente Risco, a académica correspondente Celia Pereira Porto. Esa mesma mañá, a partir das 12:00 horas, a praza do Matadoiro de Allariz acollerá unha sesión con contacontos, Os contos de Risco.

Poesía, música e un mural colectivo para Risco

A Fundación Vicente Risco abriu o Risco Fest o pasado xoves  cun encontro no Liceo de Ourense arredor das figuras de Risco e Manuel Murguía que contou coas intervencións de Manuel Outeiriño e Iria-Friné Rivera Vázquez. O programa continuará este sábado no xardín da fundación. Ás 12:00 horas dará comezo o obradoiro de arte Risco de cores, que consistirá na creación dun mural comunitario coa imaxe do escritor. A iniciativa está aberta a persoas de todas as idades a partir dos 5 anos previa inscrición a través do correo electrónico reservas@xeitura.com, informa a fundación.

A programación do sábado continuará ás 19:30 horas cun recital a cargo de Claudio Rodríguez Fer, Francisco X. Fernández Naval, Tamara Andrés e a académica Marilar Aleixandre, con acompañamento musical de José Luis Fernández Carneiro; e a partir das 22:00 horas está prevista unha cea – concerto.

Tras os actos do domingo, a Fundación Vicente Risco pechará o Risco Fest o venres 5 de maio cun concerto de Cardo Roxo no castelo de Castro Caldelas. Será a partir das 20:00 horas. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

- Publicidade -spot_img