spot_img
InicioVal MiñorNigránO Concello de Nigrán descubre o maior conxunto de petróglifos do municipio...

O Concello de Nigrán descubre o maior conxunto de petróglifos do municipio nunha gran rocha situada nos montes de Camos

O Concello de Nigrán descubre o maior conxunto de petróglifos do municipio nunha gran rocha situada nos montes de Camos
Currelo, Priegue

Este patrimonio prehistórico, que nin estaba catalogado, será sinalizado e dotado dunha pasarela de madeira para facilitar o acceso

Cousas de revista nº16

Os traballos do Concello de Nigrán para preservar e divulgar oito dos seus petroglifos máis notables rematou con importantes achados, o principal, o descubrimento do maior conxunto de gravados do municipio, ubicado en Camos. O gran rochedo, de máis de 50 metros cadrados profusamente traballados, foi atopado no 2021 pola Comunidade de Montes da parroquia ao non estar nin sequera catalogado.

Tras ter constancia deste feito, o Concello o incluíu no plan de 10.000 € para restaurar, desbrozar, realizar  calco 3D e sinalizar os mellor conservados do municipio: Chan de Rapadouro e Rabete (Chandebrito); Monte Eiró (Parada); Penisas Pequenas e do Duque (Panxón); Currelo, Outeiro Grande ou Requeixadas (Priegue). Sen embargo, os propios traballos de restauración revelaron que era un conxunto máis grande do que se apreciaba a simple vista.

O Concello de Nigrán descubre o maior conxunto de petróglifos do municipio nunha gran rocha situada nos montes de Camos
Camos

“Moita superficie estaba tapada polo musgo e outra parte inmensa xa non está porque foi reaproveitada para canteiría. A sorpresa é que constitúe o maior de todo o municipio e case seguro de toda a comarca, superando en Nigrán ao que coñecíamos ata agora do Currelo (Priegue)”, explica Benito, arqueólogo da cooperativa Árbore, encargada de facer estes traballos. Así, a rocha presenta infinidade de gravados xeométricos  como círculos concéntricos e espirais,  ademais de un motivo antropomorfo e dúas cruces que se atribúen á Idade Media co obxectivo de cristinazar este lugar pagán (habitual neste periodo da Historia). “A decoración é tan profusa e tan enlazada que parece planificada ex-profeso para o lugar, por iso desconcerta, non é habitual”, recoñece Benito. Precisamente, no que ata agora se creía que era o maior de Nigrán, O Currelo (Priegue), apareceron moitos máis motivos xeométricos dos que se coñecían, coa particularidade de resultar moi visibles e ser formas non comúns.

“A intención era amosar a riqueza arqueolóxica de Nigrán e preservar os xacementos, pero o resultado vai máis alá, é espectacular porque nos arroxa moita máis información da que posuíamos”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que os 8 petroglifos se sumarán aos atractivos das rutas de sendeirismo establecidas no 2018 nas zonas de Panxón-Monteferro, Outeiro Grande (Priegue/Camos) e Chandebrito “ampliando así as posibilidades turísticas do municipio e dándolle un pulo non estacional”.

Concretamente, o proxecto consistíu na limpeza e acondicionamento destes elementos, rexistro fotogramétrico dos mesmos  e paneis específicos que os integra a todos dentro dun mesmo percorrido a través dun código QR de localización, con sinalización adicional de frechas direccionais desde as estradas máis próximas.

“Investir en investigación arqueolóxica ofrece sempre unha información valiosísima”, explica González, quen incide en que grazas ao traballo de prospección arqueolóxica do Concello no 2017 se descubriron dez importantes achados prehistóricos, todos eles petroglifos que estaban sen documentar.

- Publicidade -spot_img