Baixo o título “Picasso, blanco no recordo azul”, a exposición será inaugurada o 23 de marzo de 2023 no Museo de Belas Artes da Coruña. A mostra estará composta por un cento de pezas que repasarán a pegada galega do pintor coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados.
A exposición que está a organizar a Xunta Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023 será a única proposta galega das 16 que se programarán en España no marco do Ano Picasso 2023. Esta efeméride é un proxecto no que España e Francia traballan desde hai meses, para o que se creou unha comisión bilateral con representantes de ambos países así como membros da familia de Picasso e expertos no pintor.
A raíz das conclusións deste grupo de traballo, aprobáronse finalmente un total de 40 exposicións temporais en distintas partes do mundo, congresos académicos e outros eventos.
Picasso, blanco no recordo azul será inaugurada o 23 de marzo de 2023 no Museo de Belas Artes da Coruña
O Goberno autonómico leva meses traballando nesta exposición comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.
Encontros, conferencias e propostas audiovisuais
Poderase visitar no Museo de Belas Artes da Coruña cun cento de pezas que repasarán a pegada galega do pintor coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados. Recentemente acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza Instruments et musique et compotier sur une table, na que o artista malagueño retrata un gaiteiro. É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.
Ao redor da mostra, tamén se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas como encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia.
Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.