Historiadores das universidades de Porto, Coímbra e Fernando Pessoa abordarán este venres a figura do pai da lingua portuguesa, Luís Vaz de Camôes, cuxo tataravó era oriúndo da parroquia nigranesa de Camos
O Concello de Nigrán conmemorará este venres 27 de setembro o quinto centenario do nacemento de Luís de Camôes, considerado o pai da lingua portuguesa, reivindicando a súa orixe nigranesa. Historiadores das universidades de Porto, Coímbra e Fernando Pessoa abordarán a figura do ‘Cervantes portugués’, autor da epopea ‘Os Lusíadas’, destacando o feito de que o seu tataravó era un fidalgo oriúndo da parroquia nigranesa de Camos. O acto, organizado polo Concello de Nigrán xunto a Asociación Impulsora da Casa da Lusofonía, constará dun obradoiro, unha charla e un recital pola mañá ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Val Miñor e, pola tarde, dunha xornada aberta ao público a partir das 17:00 horas no salón de Plenos do Concello de Nigrán.
“Levamos meses organizando estas xornadas coa ilusión de irmandarnos aínda máis co pobo portugués ao tempo que poñemos no foco que Nigrán, concretamente Camos, forma parte da súa Historia. É amplamente coñecido que Camôes era descendente de fidalguía galega exiliada en Portugal, pero o que non se menciona nunca é que eran de Camos, e de aí o seu propio apelido”, incide o alcalde, Juan González, quen subliña que a idea é que destas xornadas xermine un centro de estudos permanente con sede en Nigrán.
“O investigador Xosé Filgueira Valverde documentou perfectamente que Vasco Pires de Camôes e ascendentes residían en Camos polo menos desde o século XII”, explica Bernardino Crego, representante da Asociación Impulsora da Casa da Lusofonía, quen incide en que “Camos é tamén chamado nalgúns documentos medievais como Camones e Camunes, o que en portugués derivou en Camões”.
Así, o seu tataravó Vasco Pires de Camoês, xoglar e fidalgo nacido en 1330 en Camos, foi mencionado na crónica de Juan I de Portugal de Fernão Lopes. Este foi partidario do rei Pedro I de Castilla contra o seu irmán Enrique II e, por ese motivo, tivo que exiliarse a Portugal en tempos do rei Fernando I de Portugal. En consecuencia, perdeu as súas posesións e unha torre feudal localizada en ‘Santa Eulalia de Camos’, onde os seus antepasados están documentados desde 1228. Concretamente, algúns historiadores identifican unha casa señorial do barrio de Balinfra como a casa familiar dos Camôes.
Tendo en conta esta orixe, o doutor da universidade de Coímbra José Carlos Seabra Pereira impartirá ás 17:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Nigrán unha conferencia alusiva ao tema. A continuación, a catedrática da Universidade Fernando Pessoa Isabel Ponce de León e Sofía de Melo Araújo, da Universidade de Porto, conversarán con Isabel Rio Novo, autora da derradeira biografía sobre Luis Vaz de Camôes, ‘Fortuna, caso, tempo e sorte’ (2024), gran éxito de vendas en Portugal. Finalmente, a partir das 19:30 horas, realizarase un recital de poesía a cargo de Manuel Sobral e Sofía Araújo con outros intervintes, nesta parte, como curiosidade, farase especial alusión a Francisco de Quevedo, moi influído por Camôes e quen naceu, precisamente, no ano da morte do portugués (morreu en 1580 e está enterrado no Mosteiro dos Xerónimos de Belem xunto a Vasco de Gama).




