O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo acollea a exposición “A profundidade esencial da terra. Benjamín Palencia, Manuel Colmeiro e o surrealismo dos anos trinta” sobre o surrealismo dos anos 30 coas obras de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro
A exposición, comisariada por Carlos L. Bernárdez, pon en relación de forma innovadora a obra de dous grandes artistas do século XX co surrealismo internacional.
Na inauguración participou Alba Corral, en representación da familia e o legado do pintor Colmeiro, que estivo acompañada polo alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO, Abel Caballero, Carmela Silva e Gorka Gómez, responsables da Área de Cultura do Concello de Vigo, Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición e Miguel Fernández-Cid, director do MARCO
A mostra permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro de 2025.
“A profundidade esencial da terra. Benjamín Palencia, Manuel Colmeiro e o surrealismo dos anos trinta”, é a nova exposición do Museo de Arte Contemporánea, aberta na galería B3, que foi inaugurada este xoves polo alcalde de Vigo.
Nos anos trinta do pasado século Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro desenvolven prácticas modernizadoras, interesados en captaren o universo antropolóxico desde unha perspectiva reivindicadora das súas esencias ancestrais. O impacto neles do movemento surrealista é de ben diferente intensidade; porén, ambos partillan, como pano de fondo, semellanzas formais que están no contexto do influxo do surrealismo internacional. Desde a perspectiva formal estes puntos de encontro van ser moi afíns á estética surrealista máis recoñecíbel, como se pode observar no recurso á disociación de forma e contorna de ecos picassianos; a presenza de imaxes biomórficas e, en xeral, a utilización de formas elásticas que se converten nunha das características da arte surrealista nos anos trinta.
Colmeiro e Palencia participan duns puntos de partida distintos; no entanto, ambos os tipos de obras están próximas ás fórmulas surrealistas que crearon imaxes dun mundo de fondo subxectivismo, non alleo á transmisión das inquedanzas éticas e ás tensións do contexto social do seu tempo. Ambos comparten estas preocupacións, puntos e procesos de evolución con certas analoxías, dentro dunhas propostas creativas fortemente persoais. Viven o seu tempo, en xeral, como unha realidade convulsa e esta percepción vai acompañada dun esforzo actualizador das súas linguaxes plásticas, ligado ao contexto internacional, co surrealismo como un pano de fondo singular.
27 set 2024 – 5 xan 2025
Galería B3, 1º andar
Comisariado: Carlos López Bernárdez