spot_img
InicioO SalnésCambadosO Ciclo Mestre Mateo arranca na provincia coa proxección do documental "O...

O Ciclo Mestre Mateo arranca na provincia coa proxección do documental “O Gran Camiño”

O Ciclo Mestre Mateo arranca na provincia coa proxección do documental O Gran CamiñoA iniciativa da Academia Galega do Audiovisual e a Deputación levará a Cambados, Forcarei, Poio, Ponteareas e Redondela as películas gañadoras e finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de longametraxes e documentais

A proxección do documental “O gran camiño” abre este sábado na provincia o primeiro Ciclo Mestre Mateo, a iniciativa da Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para dotar dunha programación audiovisual estable de cinema en galego. Deste xeito, ata decembro, os espazos culturais e multiúsos dos concellos de Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei acollerán cada mes os pases das películas premiadas e finalistas nas categorías de longametraxes e documentais dos Premios Mestre Mateo 2022. Os filmes son, na categoría de longametraxes, a premiada “Tres”, amais de “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”. En documentais, “A virxe roxa” que gañou o premio, amais de “A poeta analfabeta”, “Welcome to ma maison” e “O gran Camiño”.

O ciclo abre este sábado coa proxección de “O gran camiño” en Cambados (Auditorio Municipal da Xuventude); Forcarei (Multiúsos de Soutelo de Montes); Poio (Centro Cultural Xaime Illa de Raxó) e Ponteareas (Sala Multiúsos do Auditorio Municipal), mentres que en Redondela o pase terá lugar o 2 de abril no Multiúsos A Xunqueira.

“O gran Camiño” é un documental narrado en primeira persoa polos realizadores Alba Prol Cid e Raúl García, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo. O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o europeo Camiño de Santiago, son os escenarios percorridos nunha viaxe máis profunda ao encontro da xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflitos sociais, a espiritualidade, o coidado do planeta, a conexión coa Pachamama, ou o regreso a un mesmo. Amais da dirección, Alba Prol e  Raúl García asumen neste documental o guión, a fotografía e a edición deste filme da produtora Meteórica Cine.

- Publicidade -spot_img