Inicio Pontevedra O Castelo de Soutomaior acollerá a xornada “Pacto de Estado contra a...

O Castelo de Soutomaior acollerá a xornada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión”

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para participar no encontro que terá lugar o 7 de xuño en Soutomaior e que pretende achegar o Pacto de Estado á realidade municipal

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro 7 de xullo o  castelo de Soutomaior acollerá a xornada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión” no marco da programación impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals. Silva informou que desde hoxe mesmo as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.depo.es.

A Escola de Igualdade María Vinyals, pioneira en Galicia e unha das poucas que existen no estado, foi inaugurada no 2016 cun evento en xuño para falar sobre as políticas de Igualdade e outro en setembro centrado na muller e o liderado. O ano pasado, tal e como informou a presidenta provincial, “impulsamos unha xornada dedicada ás miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero que foi todo un éxito e, este ano, queremos centrarnos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para elo contamos coa presenza de voces de mulleres moi relevantes no panorama nacional”.

Silva asegurou que a xornada deste ano, “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión”, pretende “achegar o Pacto á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas da violencia machista pero tamén queremos reivindicar que este Pacto de Estado é papel mollado e que sen recursos, sen financiamento, non pode saír adiante”.

Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto, Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez, Rosana Izquierdo e Mª Paz Filgueira serán as relatoras

A xornada comezará ás 10.00 no Castelo de Soutomaior coa conferencia “Sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado” impartida por Ángeles Álvarez, “militante feminista, unha das fundadoras da Rede Estatal contra a Violencia de Xénero e unha das grandes protagonistas das medidas que inclúe o Pacto de Estado” segundo informou a presidenta provincial.

Ás 12.00 da mañá terá lugar a mesa redonda “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participarán Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial onde presidiu o Observatorio contra a Violencia de Xénero e a Comisión de Igualdade, e Marisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Pola tarde terán lugar tres obradoiros temáticos. Neste eido, haberá un obradoiro sobre xustiza titulado “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; outro sobre imaxe, “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, de Yolanda Domínguez, artista visual e experta en comunicación e xénero; e outro sobre atención primaria denominado “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero” a cargo da médica de atención primaria Rosana Izquierdo, responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

A xornada será clausurada ás 18.30 coa conferencia “Pacto de Estado. E agora que?” impartida pola maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo Mª Paz Filgueira.

Esgotadas as prazas de “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”

A presidenta aproveitou a ocasión para anunciar que estaban esgotadas as prazas para participar na xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” que terá lugar o vindeiro sábado, 26 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A xornada, organizada pola Deputación, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, achegará a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e na adolescencia como María M. Álvarez Lires, Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Mariví Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

693FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies