spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorO castelo de Soutomaior acolle por segundo ano consecutivo a cata amateur...

O castelo de Soutomaior acolle por segundo ano consecutivo a cata amateur da Ruta do Viño Rías Baixas

O castelo de Soutomaior acolle por segundo ano consecutivo a cata amateur da Ruta do Viño Rías BaixasA cata a cegas, que esgotou en catro días as 100 prazas ofertadas, amosará os matices de preto de 30 referencias de 16 adegas. O evento contará coa actuación musical do dúo vigués La Franga e unha degustación gastronómica

O castelo de Soutomaior acolle este domingo por segundo ano consecutivo a cata amateur da Ruta do Viño Rías Baixas na que se amosarán os matices de preto de 30 referencias de 16 adegas asociadas á ruta. “É un día para poñer en valor os nosos exquisitos viños, o noso produto e a nosa cultura, nun espazo tan ideal como é o castelo de Soutomaior”, asegurou a presidenta Carmela Silva.

A cata a cegas, na que novamente serán protagonistas os viños Rías Baixas, comezará ás 11 da mañá e contará con dúas partes. En primeiro lugar, o sumiller Nacho Costoya guiará ás persoas participantes na cata dos cinco primeiros viños, explicando os principais detalles (visuais, olfativos e gustativos) nos que as e os asistentes deberán focalizar a súa atención. Posteriormente as persoas participantes terán que agudizar os seus sentidos porque comezará a cata na que se presentarán tres dos cinco viños degustados inicialmente que serán os que o público deberá acertar a cegas. Para as persoas gañadoras haberá un premio dunha estancia en establecementos adscritos á Ruta do Viño e tamén un sorteo de lotes de bodegas da Ruta do Viño Rías Baixas.

A actividade, que se enmarca ademais no Día Europeo do Enoturismo, compleméntase cunha visita previa e por libre ao Castelo de Soutomaior. Ademais, a xornada contará con música en directo do dúo vigués La Franga, integrado por Fran Brea e Jorge Villar, que amenizará a cata con éxitos musicais de todos os tempos. Xunto á música haberá tamén unha degustación gastronómica con produtos das Rías Baixas, como conservas e embutidos, elaborados por empresas situadas na provincia de Pontevedra.

- Publicidade -spot_img