O medallista de natación falou sobre a súa traxectoria profesional e respondeu ás preguntas de 150 alumnos do CEIP Humberto Juanes
O campión paralímpico Sebastián “Chano” Rodríguez, con 16 medallas no seu palmarés, inaugurou esta mañá a rampla de acceso ao escenario do auditorio municipal de Nigrán nunha charla ofrecida a alumnos do CEIP Humberto Juanes. A sala carecía deste elemento ata hoxe pese a tratarse dun edificio público de nova construción.
O alcalde de Nigrán, Juan González, invitouno a firmar no libro de Honor do Concello e fíxolle entrega dun agasallo
“Para nós é un orgullo que sexa Chano Rodríguez o que empregue por primeira vez esta rampla. Como Concello, temos que dar exemplo e eliminar as barreiras arquitectónicas presentes nos espazos municipais”, declarou Juan González, alcalde do municipio, na presentación da charla.
O medallista de natación, oriúndo de Cádiz pero afincado en Vigo, conversou con 150 rapaces de cuarto, quinto e sexto de Primaria do centro escolar sobre a súa traxectoria profesional. Proxectou varios vídeos dos seus logros, como cando debutou nos Xogos Paralímpicos de Sydney 2000, onde obtivo 5 ouros, ou o reto que realizou en 2006: unha travesía de 14 horas dende a Illa de Ons ata Vigo. Ademais, suliñou a importancia de levar unha boa alimentación e practicar deporte para un crecemento saudable e adoptar hábitos beneficiosos entre os estudantes.
O alumnado estaba emocionado coa súa presenza e antes de comezar o coloquio apiñábanse ao seu redor para solicitarlle autógrafos e “selfies”. Durante o encontro, que durou hora e media, os nenos non deixaron de facerlle preguntas para saciar a súa curiosidade. Cando concluíu o acto, o alcalde de Nigrán invitouno a firmar no libro de Honor do Concello e fíxolle entrega dun agasallo.
“A diversidade”
Esta actividade forma parte da temática na que está a traballar o CEIP Humberto Juanes este curso escolar, “a diversidade”, que ten como finalidade sensibilizar aos nenos sobre o tema da discapacidade a través de distintas figuras deportivas, e contribuír a superar o estigma social que sofren as persoas que padecen algún tipo de limitación.
“A colocación da rampla vén consolidar o compromiso do Concello coa integración deste colectivo a través da eliminación destes obstáculos que poñen trabas á súa autonomía”, sinala o rexedor.





