Con Hugo Prista aos mandos dunha tripulación de familiares e amigos e tras 148 horas de navegación o Xekmatt foi o primeiro en cruzar a liña de chegada situada na baía de Baiona
O barco portugués Xekmatt, da Asociación Naval de Lisboa, converteuse onte a tarde no gañador da segunda etapa e vencedor virtual da Baiona Angra Atlantic Race, a regata oceánica celebrada este mes de xullo en augas do Atlántico baixo a organización do Monte Real Club de Yates e o Angra Iate Clube.
A tripulación do cascalense José Carlos Prista, armador e patrón do barco durante a primeira etapa, completou dúas fantásticas regatas de ida e volta entre Baiona e Angra do Heroismo. Na primeira fase, os lusos tivéronse que conformar co segundo posto que lles deixou o Saint Maxime de Miguel Lago, implacable durante todo o percorrido, pero nesta segunda etapa, puideron finalmente sentenciar.
Na tarde de onte, ás oito e seis minutos, despois 148 horas de navegación, a tripulación do Xekmatt amarrou triunfante en Baiona tras gañar en tempo real a última etapa e facerse coa vitoria virtual da primeira edición da Baiona Angra Atlantic Race. Durante as 865 millas de regreso a Baiona, o barco navegou, segundo o sistema de seguimento, a unha velocidade media de 6,3 nós, alcanzando picos de 9,2 por momentos.
A bordo do barco, nas dúas etapas, un equipo de familiares e amigos, todos profesionais do mundo da vela, con máis de dez anos de experiencia en competicións náuticas. Hugo Prista, de 37 anos, ao temón; o trimmer de maior Joao
Prista; o proa André Oliveira; Joao Henriques, encargado do piano e André Martins, Filipe Alves, Carlos Assunçao e Joao Guerra completando unha tripulación de luxo.
Á fronte de todos eles, á roda na primeira etapa e desde terra na segunda, o armador e patrón, José Carlos Prista, de 68 anos, cunha media de 30 regatas anuais e un longo currículo de vitorias en grandes trofeos como o Príncipe de Asturias, a Atlantic Cup de Azores e varios campionatos de cruceiro de Portugal, entre outros.
O Xekmatt recibirá a súa placa de gañador o vindeiro sábado 23 de xullo nunha cerimonia que terá lugar a partir das nove da noite nas instalacións do Monte Real Club de Yates de Baiona, no marco da celebración do 41º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Banco Sabadell.




