A campaña fomenta accións de aforro sinxelas, como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos como o verán; ou instalar nas billas dispositivos de aforro de auga
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achegou hoxe a Santiago de Compostela a Campaña Máis claro auga, coa que se incide na necesidade de facer un uso responsable da auga. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, visitou esta mañá o expositor informativo instalado no Parque da Alameda, onde destacou que o principal obxectivo desta actuación é informar aos cidadáns de cómo poden contribuír ao aforro de auga no seu día a día.
Con esa intención, o expositor informativo -que está percorrendo as cidades galegas- proporciona consellos para o aforro de auga e distribúe redutores de caudal. Nesta liña, destácanse pequenas accións tan sinxelas como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos como o verán, no que se deixan de usar as vivendas habituais; ou instalar nos billas dispositivos de aforro de auga.
O director de Augas de Galicia incidiu na importancia de non desperdiciar a auga, xa que ademais de traducirse nun aforro importante de cartos para familias; garante a dispoñibilidade de auga a medio prazo, e é vital para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais
A campaña divulgativa con información na rúa insírese nunha acción de Goberno encamiñada a acadar un aforro deste recurso natural. Rodríguez Martínez sinalou que, en contra do que se poida pensar, en Galicia non sobra a auga e é importante que cidadáns e administracións asimilen esta realidade e compartan a preocupación.




