Rodrigo Buján Fernández, alumno de 2º da ESO do Colexio Maristas Santa María de Tui, é un dos gañadores do IV Concurso de Microrrelatos, convocado pola Red de Juderías de España, no que participou alumnado de 1º e 2º da ESO de toda España
Proximamente terá lugar o acto de entrega deste premio ao alumno tudense, así como un recoñecemento ao Colexio Maristas Santa María como “Colexio Asociado á Red de Juderias de España”.
O relato de Rodrigo Buján será publicado xunto aos 30 seleccionados a nivel nacional nun libro pola Red de Juderías de España.
O Concello de Tui felicita a este alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento, e agradece ao Colexio Maristas Santa María o compromiso con este concurso, que ten como obxectivo dar a coñecer o importante legado xudeu que atesouramos en España, e concretamente en Tui, que aínda segue moi descoñecido.
A Red de Juderías de España convocou a cuarta edición do concurso de microrrelatos “Benjamín de Sefarad”, dirixido a escolares españois, co obxectivo de promover o coñecemento do legado xudeu de España.
A temática dos microrrelatos desta edición foi a música. O xurado do certame estivo composto por Jimmy Barnatán, músico, actor e escritor; Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora Xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de Diarios de Viaxe da Red de Juderías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval.